O persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar anuncia un inicio de curso “complicado” para as familias usuarias dos servizos de coidados xestionados pola Xunta. Dende a sección sindical da CNT no Consorcio sinalan a Perfecto Rodríguez, xerente do servizo, como máximo responsable de desbloquear unha situación que afecta a máis de 1.500 prazas e a máis de 15.000 familias.
A folga, convocada para o 5 de setembro, terá unha duración duns 15 días ao mes durante tres meses, e se desenvolverá en xornadas de 24 horas que comezarán ás 00:00 do luns día 5 de setembro e ata o venres 16. Continuará en outubro, do luns 3 ao venres 14, en novembro do luns 2 ao venres 11 e en decembro do 12 ao venres 23.
Estarán afectadas Galiñas Azuis de Baiona, Gondomar, Mos (A Veigadaña, Porteliña e Coto Torrón), Nigrán, Salceda de Caselas, Soutomaior e as dúas de Vigo (Rúa Palencia e Valladares). Ademais afectará ao funcionamento dos centros de día do Porriño e Teis.
Uns dos grandes afectados serán os períodos de adaptación das Galiñas Azuis, preto de 2.800 nenos e nenas que acudirían por primeiro ano á escola verán este período tan necesario fortemente minguado. Nunha información interna dos e das traballadoras recoñecen non querer facer unha folga tan prexudicial para as persoas máis vulnerables, pero “non vemos outra saída para que dende os despachos escoiten as nosas reclamacións”.
Entre os motivos que enumeran dende a CNT para endurecer as protestas está que o xerente non solicitara a Función Pública a convocatoria dun proceso selectivo propio, e que “desatenda” o seu labor declarándose incompetente para negociar “cando é o único que pode resolver o tema da temporalidade do persoal, como están facendo as xerencias doutros entes instrumentais”, segundo o sindicato.
Ademais, a CNT reclama a garantía dunha convocatoria única e específica, garantía de oposición non eliminatoria, que se contabilice formación impartida polo propio Consorcio, retirada do concurso de traslados e unha baremación xusta na que a experiencia conte o 90% e que se contabilice a antigüidade no Consorcio o triplo que en calquera outra administración.