A Deputación de Pontevedra volverá no 2022 co seu programa estrela de termalismo social “Depotermal”. A iniciativa, unha das de maior participación da programación provincial, retoma a súa actividade despois de dous anos de parón pola pandemia e ofrecerá o próximo ano un total de 4.434 prazas tanto en réxime de asistencia diúrna como de pernoita. O goberno ven de aprobar as bases do programa, que contará cun orzamento superior aos 100.000 euros, e que desde 2015 contou coa participación de 12.121 persoas de toda a provincia.
O obxectivo de DepoTermal é fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos de participación e cooperación social que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Por outra banda, amais de facilitar o acceso ao turismo de saúde, serve tamén como plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, ao desestacionalizar a demanda.
O próximo ano a Deputación ofertará 1.248 prazas para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spa durante 5 mañás ou tardes consecutivas. 186 das prazas serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda. Doutra banda, o programa termal con pernoita e réxime de pensión completa, de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a Deputación subvencionará 280,73 euros por praza.
Poderán beneficiarse da iniciativa as persoas empadroadas na provincia e nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as persoas que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar.
Unha vez adxudicada a contratación a unha empresa especializada, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónicamente ou presencialmente
A Deputación ten tamén un rexistro de concellos adheridos ao plan, que como entidades colaboradoras facilitarán as persoas a realización dos trámites e axudas caso de poder optar a elas. Forman parte dese rexistro 53 concellos: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.