A manifestación, que arrincou dende o cruce de Vía Norte con Urzaiz pouco despois do mediodía, rematou pasadas as 14:00 horas na praza do Berbés, onde a xornada reivindicativa continuou con actuacións musicais, recitais poéticos e actividades para crianzas. Centos de mulleres e homes da CIG, coa secretaria das Mulleres, Marga Corral, á cabeza, estiveron presentes na mobilización. Corral salientou o éxito da convocatoria, “con milleiros de mulleres de todas as idades e militancias unidas baixo unha mesma loita, evidenciando a diversidade e pluralidade que caracteriza o feminismo”.
Ao mesmo tempo, incidiu en que a masiva participación que rexistrou a marcha de Vigo é un anticipo do que vai suceder en todo o país o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, xornada na que hai convocada unha folga de mulleres e numerosas mobilizacións ao longo do día. “Temos que dar unha nova lección e volver a visibilizarnos: mulleres novas e maiores na rúa baixo unha mesma reivindicación; temos que secundar a folga laboral, de coidados e de consumo para transformar a vida das mulleres”.