A Xunta de Goberno Local aprobará este xoves o proxecto dun novo tramo da humanización da Avenida Gregorio Espino, neste caso do espazo comprendido entre os cruces coas rúas Águia e Merlo, algo máis de 200 metros de lonxitude aos que o Concello prevé dedicar ata 1,6 millóns de euros.
A cuarta fase da humanización da avenida presenta un prazo estimado de dez meses de obras e manterá os dous carrís de circulación por sentido, a mediana e 22 prazas de aparcamento, ademais de finalizar con beirarrúas de granito de seis metros de ancho.
Entre as características principais da obra, atópanse a renovación das redes de iluminación con 25 puntos de luz LED, novas canalizacións de abastecemento, rego, semaforización e saneamento, a conservación de trece árbores existentes e a plantación doutros tantos exemplares, xardineiras, papeleiras e oito bancos.
“Estamos acabando a humanización de Gregorio Espino; queda só un tramo final para chegar á estación de autobuses, que iniciaremos tan pronto rematemos esta”, informou este mércores o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Unha vez concluída á reforma de toda a avenida, a previsión do Concello pasa por mellorar a mediana con vexetación e arborado e comezar a humanización das rúas transversais a Gregorio Espino.