O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou este luns que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu unha subvención de 300.193 euros ao grupo Zendal para o desenvolvemento dunha liña de envasado de vacinas contra a Covid-19. O Ministerio fixo pública a resolución definitiva da convocatoria do Plan de Axudas Covid, que financiará 47 proxectos vencellados á fabricación de produtos hixiénico-sanitarios relacionados coa pandemia.
Losada destacou este novo apoio do Goberno de España ao esforzo desta empresa biofarmacéutica de orixe galega, que coloca a Galicia no mapa internacional da loita contra o coronavirus “xogando un papel clave na solución á actual crise sanitaria como referente de fabricación de vacinas”.
O delegado, quen visitou as instalacións do grupo xunto co ministro de Sanidade, Salvador Illa, hai varias semanas, recordou que esta empresa fará o envasado da vacina seleccionada pola Coalición para a Promoción de Innovacións para a Preparación ante Epidemias (CEPI) para o subministro na UE. “A previsión é que se envasen máis de medio millón de doses de vacinas, e esta aportación do Goberno quere contribuír a facelo posible”, afondou Javier Losada, quen apuntou que “o envasado é unha parte vital, crítica, da fabricación dunha vacina, pois permite achegar o antíxeno de xeito seguro e eficaz ao paciente”.
Ademais, o delegado lembrou que a filial de Zendal, Biofabri, foi elixida en setembro pola compañía americana Novavax para a produción industrial do antíxeno da súa vacina en Europa, un feito, que representa un gran reto e un recoñecemento a todo o esforzo do seu equipo.