Segundo informou a Xunta, un destes dous equipos é de nova fabricación e procede de Holanda. Trátase dunha Resonancia Magnética Dixital de 3 teslas de forza magnética, das máis avanzadas que existen na actualidade no mundo, e permitirá realizar os estudos máis innovadores neste eido; de feito, en España só existen tres equipamentos destas características. Nesta nova dotación de alta tecnoloxía, o Sergas realizou un investimento de máis de dous millóns de euros.
De xeito simultáneo, tamén chegou ao Álvaro Cunqueiro outro equipo de Resonancia de alta resolución, procedente do Hospital Xeral de Vigo, que seguirá realizando no Hospital de Beade a actividade que xa desenvolvía no antigo emprazamento, explica o Sergas nun comunicado de prensa.
Unha vez instalado, este aparataxe será sometido a un proceso de calibración e axuste, para garantir o seu perfecto funcionamento; os técnicos calculan que ámbolos dous estarán operativos para a atención de pacientes a mediados do mes de novembro.