As eleccións celebradas este mércores, ademais de para reelixir a Manuel Reigosa como reitor da Universidade de Vigo, serviron para escoller as 203 persoas que representarán a comunidade universitaria no novo Claustro. A elas haberá que sumar os membros natos do máximo órgano de representación e control da institución universitaria: o reitor, o secretario xeral e a persoa que sexa nomeada como xerente, xunto cos decanos e decanas e directores e directoras das facultades e de escolas. Así, en total, o Claustro quedará conformado por 228 persoas, 203 delas elixidas nestes comicios e 25 membros natos, quedando así 23 vacantes ata completar o 251 membros que poden conformar este órgano segundo se recolle no seu Regulamento de Réxime Interno.
Do total de persoas elixidas nas urnas, 103 son representantes do sector PDI-A, é dicir, profesorado doutor con vinculación permanente; 20 correspóndense ao resto do persoal docente e investigador; 52 pertencen ao alumnado e 38 representarán ao persoal de administración e servizos.
Con todo, estas 203 persoas non foron todas elixidas este mércores, xa que houbo varios centros nos que non foi necesario celebrar eleccións ao haber igual ou menor número de candidaturas que de postos elixibles. De feito, no sector PDI-A quedan vacantes dous postos, correspondentes á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde só se presentaron dúas candidaturas para catro postos. No PDI-B quedan tamén unha vacante, que se corresponde co agrupamento da Facultade de Bioloxía, Facultade de Ciencias do Mar, Facultade de Química, Ecimat, Cacti/Cinbio e edificio Filomena Dato, con tres candidaturas para catro postos elixibles.
No sector dos estudantes son 11 os postos que quedarán sen ocupar: dous da Facultade de Ciencias; un da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; tres vacantes en Filoloxía e Tradución; un en Bioloxía; dous en Comercio e dous en Ciencias Xurídicas e do Traballo. Tan só no sector do PAS vai ocupar o 100% das prazas que lle corresponden no Claustro, un total de 38, todos eles elixidos nas votacións deste mércores.
Estes resultados son provisionais e o prazo de reclamación está aberto dende hoxe ata o día 10. A proclamación definitiva será o día 11.
Resultados por sectores e centros
Nas votacións celebradas antonte, o PDI-A no campus de Vigo elixiu 70 representantes: 9 na Facultade de Filoloxía e Tradución; 6 en Bioloxía; 10 en Ciencias Económicas e Empresariais; outros 10 na EE de Telecomunicación; 2 en Comercio; 3 en Ciencias Xurídicas e do Traballo; 3 na EE Minas e Enerxía; 6 en Ciencias do Mar; outros 6 en Química e 15 na EE Industrial. En Ourense elixíronse 20 membros deste colectivo: 6 en Ciencias, 1 en Historia; 2 en Dereito; 4 en Ciencias Empresariais e Turismo; 3 en Educación e Traballo Social; outros 3 en Enxeñaría Informática e 1 en Enxeñaría Aeronática e do Espazo. Finalmente, en Pontevedra, das 15 prazas neste sector, cubríronse 13: 4 en Belas Artes; 2 en Ciencias da Educación e do Deporte, quedando dúas vacantes; 2 en Enxeñaría Forestal; 4 en Ciencias Sociais e da Comunicación e 1 en Fisioterapia.
No caso do PDI-B, pola circunscrición que inclúe a Facultade de Historia e Facultade de Educación e Traballo Social elixíronse 2 membros; pola que comprende a Facultade de Ciencias, Escola Superior de Enxeñaría Informática, Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e CITI foron elixidas outras 2 persoas; na Facultade de Dereito e Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo unha; nas facultades de Belas Artes e de Ciencias da Educación e do Deporte, outras dúas; en Ciencias Sociais e da Comunicación, en Enxeñaría Forestal e na Facultade de Fisioterapia, tamén dúas; na circunscrición da Facultade de Filoloxía e Tradución, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e Facultade de Comercio, tamén dúas; nas facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, a Ecimat, o Cacti/Cinbio e o edificio Filomena Dato, sen necesidade de votar, elixíronse as tres candidaturas presentadas, quedando unha vacante; na Escola de Enxeñería Industrial, catro; e na Escola de Enxeñaría de Minas e de Enerxía e Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dúas.
No sector Estudantes no campus de Ourense elixíronse 13 representantes quedando 3 postos sen cubrir; en Pontevedra 12 e en Vigo 27 dos 35 totais. Pola súa banda o sector do PAS elixiu as 38 persoas que se presentaron para cubrir outros tantos postos.
A sesión constituínte
Tras elixir a totalidade dos membros do claustro, na primeira sesión do pleno constituirase unha mesa provisional de idade, da cal formarán parte o reitor, o secretario/a xeral e dous representantes por cada un dos sectores do claustro, que serán o de maior e de menor idade en cada sector e que se encargarán de moderar a sesión e elixir nela a Mesa do Claustro.