Abel Caballero desprazouse este martes a Madrid, onde mantivo unha reunión co novo ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes. Ambos abordaron cuestións relativas ás cidades españolas, na súa calidade de presidente da FEMP, e tamén da Biblioteca do Estado para Vigo, como alcalde.
“Co anterior ministro e neste Ministerio acordaramos tacitamente un lugar para a nova Biblioteca», recordou Caballero ao remate da reunión en referencia aos terreos municipais da rúa Lalín. O alcalde indicou que «estamos facendo a recualificación urbanística e queríamos o impulso do Goberno de España e do ministro de Cultura para lanzar este gran desenvolvemento cultural”.
O alcalde engadiu que “Vigo está hoxe pendente desta entrevista e polo tanto de lanzar tamén este proxecto de biblioteca do Estado que xa está en marcha pero que necesita do impulso, da ratificación e do acordo co ministro do Goberno de España”.
A este respecto, Rodríguez Uribes confirmou que continuará co proxecto: “Adianto que esta testemuña do ministro Guirao recólloa con gusto e polo tanto traballaremos nesa biblioteca estatal na cidade de Vigo”.