Persoal de Vitrasa realizou unha nova concentración este venres -e xa van cinco- diante do concello para esixir do Goberno municipal e da concesionaria que atendan os problemas formulados polo comité de empresa e para denunciar o “incumprimento” nas medidas anunciadas polo alcalde a respecto das compensacións pola aplicación do ERTE.
O presidente do comité, Imanol Arnoso, denunciou a ineficacia dos cristais colocados para combater a Covid-19, a “inexistente” protección da mutua e a falta de EPI suficientes, pois Vitrasa só lles entrega unha máscara por semana “cando debería dotarnos cunha máscara diaria para realizar o noso traballo con seguridade”.
O representante do persoal tamén reclamou unha reorganización dos horarios laborais que contemple os descansos adecuados dentro da xornada; unha redución da eventualidade; e o cumprimento tanto do convenio colectivo como dos acordos alcanzados entre empresa e comité, que afectan á calidade do servizo ofrecido aos viaxeiros e ao propio traballo do persoal.
Sobre as demandas ao Concello, Arnoso lembrou que o alcalde de Vigo asegurou que se “blindarían os salarios” para contrarrestar o impacto do ERTE nas economías dos traballadores e traballadoras das concesionarias, mais das medidas anunciadas “unicamente se levaron a cabo as que significaron unha mellora para a empresa, como foi unha ampliación en cinco anos da actual concesión, pero ningunha para o persoal”.
Xunto a isto, apunta que segue sen aclararse se se manterán os baños portátiles instalados durante o estado de alarma para os traballadores e se se colocarán tamén nas liñas que aínda non contan con este servizo nas cabeceiras. “Dende o comité, matiza Arnoso, levamos anos reivindicando este tipo de instalacións para que os condutores e as condutoras non teñamos que depender dos servizos das cafetarías ou outros centros”.
Así mesmo, con esta concentración piden ao Concello o establecemento de novos métodos de pagos (a través do móbil, con tarxeta de crédito, etc.), xa que até esta mesma semana non se volveron permitir os pagos con moeda. “Até entón unicamente existía a posibilidade da tarxeta moedeiro e a Pass Vigo. Pero para a xente de fóra de Vigo non hai outras alternativas de pago máis que en moeda”, apunta.
“Estas son as reivindicacións que vimos facerlle ao alcalde, pero logo de cinco concentracións non só segue sen dignarse saír falar con nós, senón que incluso denegou todas as solicitudes que lle trasladamos”, lamentou Arnoso, quen sinalou á responsabilidade do Concello de Vigo, como titular da concesión, nas condicións deste servizo público.