O Pleno da Corporación Municipal de Vigo deu luz verde este mércores por unanimidade ao ‘Estudo específico da situación derivada da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo 2008, no ámbito do polígono 32 do PERI do Calvario como Ordenación Provisional’.
Tal e como explicou a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, esta aprobación permitirá construír nunha mazá formada pola avenida de Martínez Garrido e as rúas Sagunto e Valladolid a través do Instrumento de Ordenación Provisional, tendo en conta que este solo estaba rexido polo Plan do 93, unha vez suspendido o PXOM de 2008.
Trátase de dous solares que están cualificados no PXOM de 2008 como solo urbano consolidado e, polo tanto con licenza directa, o que permitirá completar a trama urbana da zona e mellorar a imaxe tapando as medianeiras actuais e cumprindo así o principio de desenvolvemento sostible e recuperación da cidade compacta.
Os informes ambiental e urbanístico da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de ordenación do territorio e Urbanismo conclúen a procedencia da clasificación deste espazo como solo urbano consolidado e, polo tanto, procede activar as medidas de ordenación provisional neste ámbito.