Os votos favorables do PSOE, de Marea de Vigo e do concelleiro do BNG permitiron este mércores aprobar unha moción que insta á Autoriadade Portuaria a “paralizar” calquera iniciativa que implique a creación de novos recheos na ría. Na sesión ordinaria deste mércores, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu un texto que reclama ao Porto frear calquera recheo proxectado así como a elaboración dun plan axeitado que permita diferenciar as actividades que precisan estar nesta terminal daquelas que non poden estar ubicadas en calquera polígono industrial da cidade.
Coa abstención do Partido Popular, o Pleno deu luz verde a unha moción que considera preciso un plan de actuacións a medio e longo prazo que garanta que o Porto e, en particular, a terminal de Bouzas, aloxe e ordene de xeito eficiente as actividades portuarias. Logo de sinalar que o goberno local non dubida da importancia estratéxica da terminal viguesa, a concelleira advertiu de que esta importancia “non debe xustificar calquera intervención”.
Tanto o concelleiro non adscrito como Marea de Vigo apoiaron esta moción. Xabier Pérez Igrexas pediu ao Goberno local que leve esta oposición “ata o final”, incluso acudindo aos tribunais se fora preciso. Rubén Pérez sumouse a esta reclamación engadindo a necesidade de que faga unha axeitada planificación dos espazos e do desenvolvemento da plataforma loxística de Salvaterra-As Neves. Pola súa banda, o voceiro do PP, Alfonso Marnotes, asegurou que desde que Feijóo goberna na Xunta no Porto de Vigo non se fixeron recheos “contra a cidade”.