Novo paso para a rehabilitación da Panificadora. O Pleno da Corporación Municipal de Vigo, reunido este luns en sesión extraordinaria, acordou por unanimidade a modificación puntual do Plan Especial de Reforma do Casco Vello, que queda aprobada definitivamente e dá cabida ao proxecto arquitectónico de recuperación da factoría gañador dun concurso de ideas promovido polo Concello.
O cambio urbanístico permite iniciar o proceso de expropiacións para facerse co solo e comezar a transformación do espazo. Todos os concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal de Vigo votaron a prol desta modificación puntual no ámbito da Panificadora. A edil de Urbanismo, María José Caride, puxo en valor que o cambio posibilita a súa conversión nun lugar “para todos, con praza pública que comunicará a Praza do Rei, a Panificadora e o Paseo de Alfonso XII”, o que suporá unha “mellora substancial no entorno urbano”. A concelleira trasladou que Vigo gañará un “espazo público, verde e de calidade para todos”.
A proposta do Goberno local recibiu o respaldo do resto de corporativos. Xabier Pérez Igrexas (BNG) valorou esta “decisión importante” que “salda unha débeda da cidade consigo mesma”, mentres que Rubén Pérez (Marea de Vigo) cualificou de “boa” unha iniciativa “inédita” de conservación do patrimonio industrial vigués. Alfonso Marnotes (PP) explicou que a actuación é “necesaria, boa, útil e resolve un problema histórico”. Ademais, todos eles demandaron detallar os usos que acollerá a Panificadora, ao que María José Caride -que agradeceu o apoio de todos os edís- respondeu que o instrumento de planeamento ten que ser o máis aberto posible precisamente para poder dar cabida a eventuais cambios.