«As necesidades das viguesas e vigueses non acaban na conexión de AVE con Madrid. Queremos un tren que vertebre a nosa realidade metropolitana, que nos conecte mellor co resto de Galiza e que nos permita liderar a Eurorrexión». O Bloque Nacionalista Galego propón implementar unha rede de cercanías na área de Vigo así como axilizar a saída sur para a conexión de alta velocidade con Porto. Estas son algunhas das medidas contidas na moción que a fronte nacionalista presentará este mércores no Pleno do Concello de Vigo, co obxectivo de mellorar as redes ferroviarias da cidade e a súa área metropolitana.
«O transporte de futuro pasa polo ferrocarril, como modalidade máis sustentábel, moderna e eficiente», valorou en rolda de prensa o portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou que ese reto «esixe un compromiso real e efectivo por parte da Administración do Estado para a súa mellora substancial». Un compromiso que, en opinión das nacionalistas, non existiu por parte dos sucesivos Gobernos españois.
«A chegada da alta velocidade a Galiza, con tres décadas de atraso, non resolve esta cuestión. As necesidades das viguesas e vigueses non acaban na conexión de AVE con Madrid. Queremos un tren que vertebre a nosa realidade metropolitana, que nos conecte mellor co resto de Galiza e que nos permita liderar a Eurorrexión», asegurou Igrexas. Entre as materias pendentes, o concelleiro do Bloque destacou como prioritaria a posta en marcha da saída sur de alta velocidade con Porto. Unha actuación que cualificou de «estratéxica» para Vigo, mais lamentou que continúe nun «preocupante impás» desde 2007. Igrexas criticou que o proxecto fique á espera dun novo estudo informativo, previsto para novembro do vindeiro ano, tras deixar caducar os anteriores.
O portavoz do BNG de Vigo subliñou así a ausencia de partidas recollidas nos Orzamentos do Estado de 2022 para desenvolver este proxecto, que permitiría converter Vigo nun nodo ferroviario de primeira magnitude. «Resulta inadmisíbel que a Comisión Europea teña recollido como horizonte temporal o ano 2040 para a posta en marcha desa conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto», denunciou Igrexas, que puxo como exemplo os avances no tramo portugués fronte a falla de vontade mostrada polo executivo español.
Cercanías que vertebren a área de Vigo
A moción que presentará a fronte nacionalista no Pleno pide implementar unha rede de cercanías que conecte Vigo coa súa contorna metropolitana. Unha medida que, en opinión do BNG, resulta urxente para vertebrar a mobilidade coa áreas de Pontevedra e Tui. «Ningún Goberno español puido explicar o motivo de que Galiza non teña ningún tren de proximidade, nin tan sequera nas principais áreas urbanas como Vigo», defendeu Igrexas, que recordou que cidades do Estado con menor densidade poboacional contan con este servizo.
Mellorar a mobilidade na área de Vigo e tamén co resto de Galiza. Nese sentido, o portavoz nacionalista en Vigo censurou as graves deficiencias dos trens de media distancia, os recortes na oferta e os cambios unilaterais de horarios por parte do operador ferroviario. «Non ten sentido que viaxar de Vigo a Lugo leve 3 horas e 50 minutos, fronte ás 4 horas e 15 minutos actuais con Madrid, ou que non exista liña directa con Ferrol», evidenciou Igrexas.
Queixas de usuarios
Así, desde o BNG recolleron algunhas das queixas das propias persoas usuarias, como que o último servizo da liña entre Vigo e A Coruña remate ás 21:35 horas, a supresión do tren das 6:58 horas ou os atrasos estruturais no servizo e as reiteradas avarías. Eivas ás que se engaden os problemas de aglomeracións nos accesos da nova estación Vialia.
Entre as demandas ao Goberno español, a fronte nacionalista apuntou ademais a necesidade de mellorar a conexión ferroviaria da terminal portuaria de Vigo e conectala coa Plisan. En relación á Xunta, Igrexas reiterou a aposta do Bloque por xestionar directamente a rede ferroviaria interna, polo que reclaman negociar a transferencia das competencias e a creación dun Ente Ferroviario Galego. Por último, as nacionalistas solicitaron que o Goberno municipal mellore cunha lanzadeira a conexión entre as dúas estacións de tren da cidade.