O texto aprobado insta ao goberno de Vigo a auditar á concesionaria do autobús urbano para ter «datos reais e un control exhaustivo» da función que está a prestar, xa que «cada día custa máis cartos aos vigueses e ofrece un peor servizo», tal e como indica a moción nacionalista.
Un segundo punto do acordo demanda da administración local a avaliación do novo mapa de liñas e a súa modificación «para atender ás necesidades reais de desprazamentos da cidade», ao tempo que pide do Concello de Vigo a conxelación de todas as tarifas no 2015. Por último, a moción solicita a creación dun bono-bús gratuitos para desempregados de longa duración con recursos inferiores ao salario mínimo interprofesional, e para aqueles que carezan de fonte de ingresos.
Meixoeiro
Ademáis, os tres grupos políticos con representación municipal acordaron a redacción dunha declaración institucional instando ao goberno galego a «paralizar cautelarmente a concesión do servizo de mantemento» no hospital, para garantir a calidade e continuidade do mesmo e todos os postos de traballo cando funcione o novo centro hospitalario.
Leída ante o pleno polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, a declaración institucional acordada polos grupos municipais do PP, PSOE e BNG insta á Xunta de Galicia «a paralizar cautelarmente a concesión do servizo de mantemento do hospital Meixoeiro cos seguintes obxectivos. Por unha banda, garantir a calidade do servizo nas condicións que viña realizándose ata o momento e, por outra, garantir a continuidade do servizo e os postos de traballo de todo o persoal de mantemento do Hospital Meixoeiro cando entre en funcionamento o novo hospital de Vigo».
Mesa Local de Violencia de Xénero
Todos os grupos políticos municipais apoiaron a moción presentada polo PP no Pleno da Corporación, instando ao Concello a «activar e dinamizar» a Mesa cara a «prevención, sensibilización e intervención da violencia de xénero» así como requerir da Xunta de Galicia a elaborar un regulamento de funcionamento das mesas para unha mellor coordinación interinstitucional.
Casco Vello
O grupo municipal do PP conseguiu a aprobación dunha segunda moción solicitando que a normativa de acceso e circulación de vehículos no Casco Vello vigués sexa actualizada segundo as «necesidades actuais e reais» dos usuarios, permitindo a renovación das tarxetas de acceso nas mesmas condicións que ata o de agora.