Despois de gañar o pasado ano a fase viguesa do HackForGood e obter o segundo premio nacional nesta competición organizada pola Rede de Cátedras Telefónica, o proxecto HortiHouse acaba de proclamarse gañador da VIII edición de HackForGood Big Day 2023. A iniciativa, impulsada por María Cabrero e Jesús Valverde, estudantes da Universidade de Vigo no momento de poñer en marcha o proxecto, permite xestionar invernadoiros intelixentes dentro das vivendas.
A historia de HortiHouse arrancou cando en outubro de 2022 María Cabrero, enxeñeira da EE de Telecomunicación e Jesús Valverde, enxeñeiro da EE Industrial se presentaron á edición local do HackForGood co seu proxecto de invernadoiros automatizados para pisos. A súa proposta resultou gañadora e clasificouse para a final nacional, na que quedaron segundos clasificados entre un total de 26 universidades de toda España.
Agora, case un ano despois, e tras ter avanzado moito na súa proposta, HortiHouse acaba de ser recoñecida co primeiro premio do HackForGood Big Day 2023, culminando así a VIII edición do maior hackathón realizado con fins sociais en España, organizado pola Rede de Cátedras de Telefónica.
Invernadoiros intelixentes
A idea de HortiHouse xurde da necesidade de potenciar o autoconsumo, a sostibilidade e os produtos de proximidade. Para que a falta de espazo, de tempo ou de coñecementos non sexa unha limitación, decidiron deseñar un invernadoiro intelixente pensado para pisos ou casas. A través dunha aplicación, as e os usuarios poden controlar todos os parámetros e dispoñen de programas específicos para desenvolver correctamente os cultivos nas súas diferentes fases de maduración. Deste xeito, HortiHouse permitiría cultivar dentro dos pisos pequenas hortalizas como tomates ou pementos, froitos como fresas ou framboesas ou herbas aromáticas, entre outras opcións.
Fase final e cerimonia de entrega
A cerimonia de entrega de premios tivo lugar en Madrid, no Distrito Telefónica, nun evento no que se desenvolveu a última fase da competición e no que participaron os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade do HackForGood deste ano. En total, ao longo da competición participaron máis de 1000 estudantes de universidades da Rede de Cátedras Telefónica e de Campus 42 que tiveron que desenvolver un cento de retos tecnolóxicos con fins sociais.
O segundo premio foi para Depresu, da Universidad de Castilla-La Mancha, unha plataforma dixital accesible para mellorar a saúde mental das persoas. O terceiro foi para E-Lab, da Universidad de Salamanca, un proxecto centrado en experiencias que esperten curiosidade e consoliden o coñecemento. A dotación dos tres premios é de 5500, 2000 e 1000 euros, respectivamente.