O químico Nicholas Kotov será investido doutor honoris causa da Universidade de Vigo o luns 12 de xuño nunha ceremonia no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na que exercerá como padriño o catedrático Luis Liz Marzán.
Nado en Moscova en 1965 e nacionalizado estadounidense, Kotov, referencia internacional en materia de nanoestruturas biomiméticas, converterase así no vixésimo noveno honoris causa da institución académica viguesa.
A proposta de investidura de Kotov como honoris causa chegou da man dos profesores Luis Liz Marzán e Miguel Correa Duarte, con quen leva máis de 25 anos colaborando. Aprobouse primeiro por unanimidade polo Departamento de Química Física -en setembro de 2022- e o pasado 24 de xaneiro, recibiu o respaldo por asentimento dos membros do Consello de Goberno.
Referencia internacional
Recoñecido internacionalmente polos seus descubrimentos fundacionais no campo das nanoestruturas biomiméticas, Nicholas A. Kotov é docente e investigador da Universidade de Michigan, institución que no ano 2020 lle outorgou o recoñecemento Irving Langmuir Distinguished University Professor of Chemical Sciences and Engineering, un dos seus máximos honores.
Ademais dos seus grandes logros científicos no campo das nanoestruturas biomiméticas, que transcederon a numerosas disciplinas, desde a enxeñaría química ata a ciencia dos materiais, Kotov tamén destacou pola súa capacidade para recrear no seu laboratorio o proceso universal mediante o que ten un lugar a ensamblaxe de estruturas biolóxicas moi complexas, así como o descubrimento das vías que utiliza a natureza para crear estes materiais complexos. Con esta visión, o químico sintetizou un gran número de materiais con propiedades extraordinarias que previamente se consideraban inalcanzables.
Moitos dos descubrimentos realizados por Nicholas A. Kotov contaron coa colaboración de investigadores da UVigo, como é o caso, desde 1997, de Luis Liz Marzán, e o entón estudante de doutoramento e agora catedrático do Departamento de Química Física Miguel Correa Duarte.
No seu traballo conxunto, aplicaron o método de ensamblaxe capa-por-capa para controlar a estrutura na nanoescala de nanocompostos biomiméticos magnéticos e fotoluminiscentes, dando como resultado un importante número de publicacións.
Pola súa banda, durante a elaboración da tese de doutoramento da profesora Isabel Pastoriza, identificáronse as propiedades plasmónicas e biolóxicas esenciais de diversos nanocompostos autoensamblados. Varios destes estudos resultaron fundamentais para o desenvolvemento do campo dos materiais biomiméticos e bioinspirados, permitindo avances tecnolóxicos relacionados coa electrónica, tecnoloxías enerxéticas, descubrimento de fármacos, implantes biomédicos e robótica.
Kotov publicou más de 370 artigos nas revistas de maior prestixio, un 20 por cento deles en Science, Nature ou Journal of the American Chemical Society, tres das revistas científicas do mundo no ámbito da química máis importantes.
A comunidade universitaria
Como é habitual nestes casos o acto, ao que está convidada toda a comunidade universitaria, arrancará, tras abrir a sesión o reitor, coa lectura por parte da secretaria xeral dos acordos do Consello de Goberno polos que se nomea a Kotov doutor honoris causa da Universidade de Vigo. A continuación, terá a palabra o padriño do doutorando, Luis Liz Marzán, que será o encargado de facer a gabanza dos méritos que levaron a este químico a acadar o grao supremo de distinción que concede unha universidade.
Feita a loanza, o candidato acompañado polo seu padriño situarase fronte ao reitor e será neste intre cando se lle entregará o título e o barrete. De seguido, o padriño entregaralle os atributos propios deste nomeamento: libro da ciencia e sabedoría, anel e luvas brancas. A continuación, concédeselle a palabra ao homenaxeado para que pronuncie o seu discurso de ingreso nesta Universidade.
Concluído o discurso do novo honoris, achegarase de novo ao reitor e será entón cando realice o xuramento no que se comprometerá a “defender e respectar todos os dereitos, privilexios e honores desta Universidade de Vigo en calquera parte do mundo”, así como, “favorecela e axudala” cantas veces se lle demande. Feito o xuramento, o reitor agasallarao coa medalla da Universidade de Vigo e daralle unha aperta “en nome de todos os doutores da Universidade” alí presentes. A cerimonia rematará co discurso do reitor.
Convidado a The Thinking Institute
Previo ao acto de investidura, Nicholas Kotov asistirá a vindeira semana en Vigo á segunda edición de The Thinking Institute, xuntanza que se levará a cabo do 7 ao 9 de xullo no edificio Miralles e que busca consolidarse como encontro internacional anual para especialistas do eido da nanociencia.
Baixo a batuta do profesor Liz Marzán, que coordina a actividade, nesta ocasión participarán como relatores 12 expertas e expertos chegados de diferentes lugares do mundo (Michigan, Illinois, Trieste, Amberes, Lausanne …).
A intervención de Kotov, que xa participou tamén na primeira edición deste encontro, está prevista para o venres 9 de xuño ás 18.00 horas e levará por título Chirality Continuum in Nanostructures.