A área sanitaria de Vigo súmase á conmemoración do Día Mundial do Doador de Médula Ósea que se celebra este sábado co obxecto de concienciar sobre a importancia da doazón para os tratamentos dalgunhas enfermidades como a leucemia aguda. Neste contexto, o servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Chuvi mantivo un encontro coa dirección da Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) para por en común estratexias que permitan seguir progresado nas doazóns de medula ósea.
A xefa de servizo de Hematoloxía, Carmen Albo, fixo un pequeno balance e dixo que “precisamente este ano a Unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos cumpre 35 anos de actividade realizando este tipo transplantes. Neste tempo levamos realizado máis de 800 transplantes en todas as modalidades posibles: medula ósea, sangue periférico ou sangue de cordón umbilical, de orixe autólogo e aloxénico, tanto de doador familiar como de doador non emparentado. Isto permítenos ofrecer aos pacientes o mellor doador dispoñible, no momento máis adecuado para combater a súa enfermidade.”
O transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH), ou células nai, permite restaurar a función da medula ósea e que esta produza células sanguíneas con normalidade. É unha técnica terapéutica para tratar neoplasias hematolóxicas (tumores malignos) como leucemias, linfomas, mielomas ou síndromes mielodisplásicos, así como enfermidades do sistema inmunitario e algunhas enfermidades xenéticas ou metabólicas conxénitas.
Un servizo que é referencia
Hematoloxía do Chuvi é un servizo innovador que incorpora tecnoloxía emerxente para o diagnóstico e tratamento, tanto no transplante de proxenitores hematopoéticos, como noutros ámbitos como a Hematoloxía Clínica ou as Unidades de Anemias ou Coagulación.
En relación cos transplantes, o número dos realizados foi aumentando progresivamente e nos últimos tempos acadaron unha media de 50 a 55 anuais, unha cifra representativa
dentro da Comunidade. Moitos dos transplantes que se realizan son de alta complexidade.
Hai que subliñar tamén que os profesionais do Álvaro Cunqueiro realizan todo o proceso de transplante, dende a extracción dos proxenitores, a súa conxelación e conservación, e a posterior infusión ao paciente.
O pasado ano, efectuáronse 50 Transplantes de proxenitores hematopoéticos dos que 37 foron autólogos (do propio paciente) e 13 aloxénicos (de doadores). Dos aloxénicos, 7 foron de doadores non emparentados.
Os transplantes autólogos son aqueles nos que poden utilizarse tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do propio paciente. Unha vez extraídas e tratadas con medicación, vólvense a infundir ao paciente.
O transplante aloxénico emparentado é aquel no que non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doador, dentro da familia, que sexa compatible. O transplante aloxénico non emparentado é no que non poden utilizarse as células propias do paciente e tampouco hai un doador compatible dentro da familia. Entón tense que buscar un doador con características xenéticas similares ás do enfermo.