A primeira semana completa de restricións pola crise do coronavirus constata unha drástica redución da mobilidade na AP9 se se compara co mes de marzo de 2019. Se daquela a intensidade media diaria (IMD) de circulación era de 22.125 vehículos, a semana pasada pasou a ser de 5.070 coches ao día, o que supón reducir o tráfico a unha cuarta parte.
Na comparación coa semana anterior (9-15 de marzo), a do 16-22 de marzo presenta una redución de vehículos dun 68%, pasando dos 15.624 vehículos de IMD aos 5.070 vehículos ao día en todos os tramos da autoestrada (de balde e de pago).
No que vai de 2020, o tráfico na AP9 descendeu un 21,44% con respecto ao conxunto de todo o 2019, ata os 19.173 vehículos diarios, e un 20,23% en comparación con 2018.
Audasa mantén como formas de pago preferente a tarxeta bancaria e o sistema de telepeaxe. Ademais, aínda que eliminou aos cobradores das cabinas dispón de persoal de apoio aos condutores en cada peaxe por se fose necesario. Continúan activos tamén os equipos de profesionais que velan para que a vía cumpra todos os requisitos en relación á seguridade dos usuarios.
A concesionaria vén de activar a vía de teletraballo naquelas actividades profesionais que o permiten.