O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar firme a sentenza que anula os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga dos bombeiros unha vez que o Goberno local desistiu de presentar un recurso de casación contra a resolución xudicial.
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo considerara ilegais os servizos mínimos decretados polo Concello a raíz da denuncia presentada pola CIG contra a decisión das autoridades municipais ao entender que vulnera un dereito fundamental como é o de folga.
Mais o Goberno de Abel Caballero non deu marcha atrás e presentou un recurso ante o TSXG, que foi desestimado tendo en conta que os servizos mínimos son abusivos, carecen de xustificación e non foron negociados coa representación do persoal”. De feito, o TSXG fai súas as consideracións recollidas na sentenza do xulgado vigués en canto a que os servizos mínimos impostos eran do 100% dos efectivos que desenvolven o seu labor nunha xornada ordinaria.
En concreto, fixouse un operativo diario de 20 bombeiros e un xefe en funcións, casualmente ese número de efectivos é o mesmo que se establece para o servizo ordinario diario de bombeiros, por máis números que faga o Concello demandado no seu afán de confundir a realidade, tal e como recolle a propia sentenza.
De igual xeito, a resolución xudicial fai fincapé na falta de xustificación desta medida, xa que a decisión adoptouse “sen xustificar esa necesidade de cobertura actual ou próxima no tempo; sen mencionar sequera razóns de perigosidade derivadas da época estival na que se ía a desenvolver a folga; e sen expoñer detalladamente o criterio seguido para fixar os servizos mínimos no 100% dos efectivos habituais nunha xornada ordinaria”.
Dende a sección sindical da CIG nos bombeiros salientan que a importancia desta decisión xudicial radica en que vai permitir que todos os bombeiros poidan exercer o dereito de folga -levan máis dun ano cunha convocada pero sen poder facela efectiva- e instan os responsábeis locais a cumprir as sentenzas firmes, “porque senón incorren nun delito de desobediencia ás autoridades xudiciais”.
Ao mesmo tempo, critican a actitude da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que este mesmo xoves “se negou a dar a súa opinión sobre o asunto e limitouse a comentar que dos temas xudicializados non fala”. Por iso, e mentres a situación non mude, consideran que o Goberno que preside Abel Caballero “está fóra da lei coa complicidade da xefatura de bombeiros, cando as administracións deben ser exemplares no respecto aos dereitos dos traballadores”. Ademais, lamentan que con este xeito de proceder “poñen en risco a toda a cidadanía de Vigo”.
Finalmente, lembran que no mes de outubro presentaron unha denuncia penal contra o propio alcalde por vulneración do dereito de folga “porque el foi a autoridade municipal que coartou e impediu o lexítimo exercicio do dereito de folga, que lexitimamente foi convocada por dous sindicatos do Concello”.