A 15ª edición do Correlingua celébrase baixo o lema «Galego, a nosa creación común” coa participación de alumnos de 25 centros educativos da cidade e que remataron o seu paseo reivindicativo nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador (do CEIP Altamar) e na que actuará o grupo gañador do Cantalingua. Nesta festa intervirá a actriz Isabel Risco, recente gañadora do premio Mestre Mateo á mellor actriz de reparto na serie Era Visto!
Ademais, para os máis pequenos dende as once da mañá actuará Paco Nogueiras e no propio parque estarán tamén Sacha na horta.
A carreira pola lingua percorre un total de doce localidades galegas entre o 4 e o 25 de maio coa participación do alumnado de todos os ciclos educativos, desde Infantil ata Bacharelato. Está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, comezou o 4 de maio en Compostela e rematará na Estrada o 25 de maio.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.