A pandemia impediu ao alumnado de 3º da ESO de Vigo viaxar este ano a Reino Unido e Irlanda para gozar das súas becas do programa ‘Vigo en inglés’, pero a porta seguía aberta a facelo en 2021. Así o comprometera o Concello e así o aprobou este mércores o Goberno local, que deu luz verde de xeito oficial á ampliación do prazo de execución do pertinente contrato.
Así, o concurso público para a xestión, organización e desenvolvemento do programa municipal de inmersión lingüística ‘Vigo en Inglés 2020’ queda ampliado a 2021 como consecuencia do Covid-19 e as medidas adoptadas polas administracións.
O Concello aproba deste xeito o recoñecemento da imposibilidade de execución do contrato e amplía o prazo por un período igual ao tempo perdido, condicionado a que cesen as circunstancias que determinan esta imposibilidade e acredite que está en condicións de retomar a execución do contrato, previo informe favorable.
Así, a previsión é desenvolver a edición de 2020 entre a segunda quincena de xuño e a primeira quincena de xullo de 2021. “Unha vez aprobada en Xunta de Goberno a prórroga, imos informar nos vindeiros días ás familias sobre a decisión e sobre a intención do Concello de cumprir co programa en canto as condicións sanitarias o permitan”, sinalou Caballero.
O rexedor vigués confirmou que “haberá becas tamén para os estudantes aos que lle toca en 2021”.