Con todas as prazas esgotadas, os esperados baños de bosques da Deputación de Pontevedra chegan este sábado ao Espazo Natural Arco da Vella en Vigo cunha espectacular ruta que discorrerá á beira do río Eifonso, situado na parroquia de Bembrive. Durante o quilómetro que dura este percorrido, de dificultade media-baixa, as persoas participantes poderán relaxarse e mergullarse nos beneficios que ofrece a natureza, unha actividade integral que conxuga medio ambiente, exercicio, saúde e cultura.
O río Eifonso nace no Monte das Lagoas, a 450 metros de altura, abríndose camiño entre o val polo que discorre e pasando aos pés da Capela de San Cibrán. As persoas que participen nesta nova actividade de “Bosques Terapéuticos” poderán desfrutar no seu transcurso de fermosas fervenzas, como a de Bouzafría, e muíños de auga. En 2016 este río foi integrado no Parque Botánico Arco da Vella, situado nas inmediacións da capela de Vos Ramallos.
Malia que todas as prazas para a ruta deste sábado están completas, aquelas persoas que queiran desfrutar desta ruta teñen a oportunidade de inscribirse nas outras catro saídas que a Deputación ten organizadas polo Espazo Natural Arco da Vella e que terán lugar os días 10 e 16 de xullo e 7 e 22 de agosto. A inscrición nestas rutas, así como na do resto de percorridos desta segunda edición de “Bosques terapéuticos”, poderá realizarse proximamente no sitio web da Deputación de Pontevedra.