Por primeira vez, este verán o Centro de Linguas impartirá os cursos estivais no edificio Redeiras, en lugar de no campus de Vigo. Nesta ocasión ofértanse inglés e alemán en diferentes niveis e tanto en modalidade virtual como en semipresencial. Para todos eles, o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 4 de xuño.
No caso do alemán, entre o 12 de xuño e o 14 de xullo impartirase un curso intensivo en modalidade semipresencial destinado a aquelas persoas que queiran iniciarse na aprendizaxe deste idioma e acreditar o nivel A1 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse no día a día nun país de fala alemá.
As clases impartiranse no edificio Redeiras catro días á semana, de luns a xoves en horario de mañá, e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi. Ademais, na procura de individualizar o procedemento de aprendizaxe, o alumnado terá á súa disposición titorías individuais. O prezo do curso varía entre os 235 euros para a comunidade universitaria, 150 para o alumnado do programa Erasmus e 285 euros para o público xeral.
Para as e os que prefiran realizar o curso completamente virtual, tamén se ofrece esta posibilidade, entre o 12 de xuño e o 20 de xullo. Neste caso, permitirá iniciarse na aprendizaxe do alemán e acreditar o nivel A2 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse no día a día nun país de fala alemá. As clases impartiranse a través de Campus Remoto en modalidade síncrona catro días á semana de luns a xoves e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi (en asíncrono), contando tamén con titorías individuais. O prezo varía entre os 320 euros para a comunidade universitaria, os 392 euros para o público xeral e os 200 euros para a comunidade Erasmus.
No caso dos cursos de inglés, ofértanse catro opcións. Por unha banda, un curso intensivo de inglés B1 que se impartirá do 12 xuño ao 21 xullo en modalidade semipresencial. Está pensado para persoas que queren perfeccionar o seu dominio lingüístico e acreditar o nivel B1 do MCER (Marco común europeo de referencia) para poder comunicarse satisfactoriamente no contexto dun sistema universitario internacional.
As clases impartiranse no edificio Redeiras catro días á semana e o traballo autónomo farase na plataforma MooVi en modo asíncrono. O alumnado tamén disporá de titorías individuais. O prezo deste curso é de 320 € para a comunidade universitaria, 200 euros para o alumnado do programa Erasmus e 392 euros para o resto da cidadanía. Tamén se ofertará outro curso semipresencial, pero desta volta de nivel B2, entre as mesmas datas, do 12 de xuño ao 21 de xullo. Tamén implica docencia presencial catro días ás semana en Redeiras e traballo autónomo en Moovi. Os prezos son os mesmos que os do nivel B1.
Outra opción para mellorar o inglés no verán son os cursos en liña, dos que se ofrecen dúas opcións. Por unha banda un curso Intensivo de B1 entre o 12 xuño e o 20 xullo, con catro días de docencia virtual en Campus Remoto, ademais de traballo autónomo en MooVi e titorías. Os prezos van dos 320 para a comunidade Universitaria, aos 392 para o público en xeral e os 200 euros para estudantes Erasmus. Por outra banda, está a opción do curso virtual para nivel B2, entre as mesmas datas e coa mesma estrutura e prezos.