O próximo venres conmemorarase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller na xa consolidada xornada do 25-N, que a UVigo conmemora coa conferencia da maxistrada Paz Filgueira.
Esta importante efeméride á que Universidade de Vigo se suma con diversas iniciativas e actividades ao longo da semana. A primeira delas tivo lugar este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da man da maxistrada Paz Filgueira, especialista en violencia de xénero, que impartiu un relatorio titulado ‘A violencia contra a muller: entre a normativa e a realidade’.
En nove anos, 10.000 casos de violencia de xénero
Acompañada na mesa polo decano do centro, Francisco Torres, a técnica da Unidade de Igualdade, Mar Cendón, e a profesora Marta García Mosquera, promotora da actividade e coordinadora de igualdade da facultade, a maxistrada fixo un percorrido polos seus máis de 20 anos de carreira e analizou a evolución que neste tempo que produciu en materia de violencia de xénero.
Actualmente con destino no xulgado de primeira instancia de Santiago de Compostela, Filgueira exerceu durante máis de nove anos como titular do xulgado exclusivo de violencia sobre a muller de Vigo. “Só neses anos”, lembraba, “vin 10.000 casos, catro de deles de asasinato e outros doce ou catorce tentativas”.
Lei do ‘si é si’ e datos “terribles”
Na súa intervención foi repasando diferentes fitos que se produciron dende a entrada en vigor da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, en 2004, ata a actual ‘Lei do si é si’. Explicou que a elaboración da lei de 2004 respondeu a unha demanda social derivada duns “datos terribles” como os recollidos, por exemplo, nun informe do Defensor del Pueblo en 1998 “cunha media de 120-130 asasinadas cada ano pola parella ou ex-parella”. Delas, puntualizaba a maxistrada, o 98% puxera denuncia previa, “un dato intolerable para a democracia”.
Actualmente, esta cifra é de entre o 15% e o 20%, “mellorouse moitos en dúas décadas, pero segue sendo unha cifra elevada, non se pode tolerar nun país que ten un pacto de estado en vigor, co desprazamento de orzamento que hai para este eido que se manteñan estes números”.
Ante un salón de graos ateigado de estudantes, a maxistrada tamén quixo facer fincapé en determinados aspectos, como o feito de que “non existe un perfil de agresor nin perfil de vítima, só existen condutas estereotipadas froito do desequilibrio constante entre homes e mulleres. O único risco é ser muller”. Por outra banda, tamén se referiu ao acoso, sobre todo ao que se produce en redes sociais e a través de medios dixitais, “xa que na miña experiencia, todo os casos de asasinato estaban precedidos por situacións de acoso non denunciado”.
Filgueira tamén aproveitou a súa intervención para referirse á polémica pola aplicación da Lei de Garantía Integral de Liberdade Sexual ou Lei do si é si. Lembrou que a posta en marcha desta normativa non é “un capricho do lexislador”, senón que responde a unha esixencia do convenio de Istambul ao que España está adherido. Este acordo, recalcaba, “esixe ampliar a protección da muller a todos os niveis, ir máis aló da violencia exercida pola parella e ex-parella e poñer o foco noutros aspectos como a mutilación xenital, os matrimonios forzados, a violencia sexual, o consentimento, a liberdade sexual”.
Segundo Filgueira «isto é o que se trata de integrar no novo texto lexislativo, que entrou en vigor hai apenas dous meses”. Ao seu entender é unha lei “positiva, pero non nos podemos deixar levar polo feito de que se revisen catro sentenzas, cando, por exemplo, a Audiencia Provincial da Rioxa pechou filas e dixo que non van revisar se a pena que se aplicou segue recollida no código penal”.
Campaña contra a violencia de xénero en 13 centros
Outra das iniciativas que se porán en marcha nesta semana do 25-N xurde da Unidade de Igualdade, que lanzará unha campaña divulgativa en 13 centros, facultade e escolas dos tres campus “para informar da existencia do Protocolo de Acoso Sexual e Por Razón de Sexo da nosa Universidade”, explica Águeda Gómez, “ademais doutros recursos”. O obxectivo é sensibilizar sobre as violencias contra as mulleres solo polo feito de ser mulleres.
“A compaña comprende a instalación de paneis informativos dirixidos á comunidade universitaria en xeral e aos homes da nosa comunidade en particular, pois percibimos maior sensibilidade entre as mozas e queremos reforzar tamén a sensibilización e invitalos á reflexión para compensar o negacionismo, misoxinia e vitimismo masculinista propio do discurso da manosfera, que é hexemónico en certas redes sociais”.
Ademais, tamén se levarán a cabo diversas actividades sobre a violencia machista dixital, cunha campaña en redes sociais e o lanzamento do cartaz institucional, que fará fincapé sobre os machitroles e as consecuencias que ten para as mulleres e a súa vida tanto dixital como analóxica.
Ademais, lembra Gómez, o calendario deste ano aborda esta temática, que tamén se abordou nas últimas semanas en diversos actos e eventos sobre as violencias machistas dixitais, como o Workshop da Cátedra Feminismos 4.0 ou a presentación do segundo informe do Observatorio Stop Machitroles, que afonda na presenza das novas sobre este tipo de violencia machista na prensa galega.