‘Vigo no tempo’ enmárcase dentro das actividades programadas para a Reconquista de Vigo 2019 e achegará a Historia da cidade a máis de 500 escolares de 5º e 6º de Educación Primaria de centros educativos, poñendo especial foco na xesta que supuxo a expulsión dos franceses.
Cada xornada, os rapaces comezarán na Praza do Rei para emprender unha visita guiada polo Casco Vello e o castelo de San Sebastián, visitando os escenarios da Reconquista de 1809. Os alumnos recibirán un mapa-unidade didáctica co que poderán imaxinar unha viaxe ao pasado.
Ademais, na zona antiga da cidade serán recibidos polo soldado francés Pierre Delapierre, un actor que interpreta a un garda imperial que quedou perdido polas rúas viguesas dende os tempos de Cachamuiña.
Tras percorrer o barrio e os seus lugares máis emblemáticos, na Casa Galega da Cultura verán un audiovisual sobre a Reconquista, unha exposición didáctica e terán unha charla participativa na que poderán expresar as súas dúbidas sobre a historia e a festa viguesa. Ao remate da actividade, os escolares recibirán un diploma acreditativo e farán unha foto de familia xunto a Delapierre.