Caballero celebrou este luns en Madrid sendas reunións con representantes dos grupos parlamentarios do PP e PSOE pola mañá e de Unidos Podemos e Ciudadanos pola tarde. Nestes encontros expuxo as emendas municipalistas presentadas pola FEMP aos orzamentos estatais deste ano e conseguiu o respaldo da “inmensa maioría do arco parlamentario” á reinversión do superávit das corporacións locais. “Acéptannos de plano enteiramente as nosas propostas”, valorou.
“É unha gran nova”, celebrou o alcalde de Vigo, “moi importante para os concellos” pois supón 7.000 millóns de euros para os gobernos locais, que “temos enormes necesidades de investir nas nosas cidades, en beneficio dos nosos cidadáns”. Caballero tamén conseguíu dos grupos parlamentarios un ano de prazo para que este superávit poida ser licitado e executado polos concellos.
No caso de Vigo, revelou Abel Caballero, o acordo sobre o superávit municipal significa “luz verde a un investimento de 18 millóns de euros”. O alcalde vigués puxo en valor que se trata dunha cifra similar aos fondos europeos recibidos polo Concello de Vigo para desenvolver o proxecto do Vigo Vertical.
“Era unha emenda de importancia capital e obtivemos unha resposta positiva en todos os grupos”, subliñou o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, que se mostrou “moi esperanzado porque cremos que se poden reformar os orzamentos, presentar e aprobar estas emendas e ter a posibilidade certa de que os concellos poidan dedicar aos cidadáns o aforro e o superávit que tivemos o ano pasado”.