O concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, e o xerente da Federación de Mercados Centrais da Comarca de Vigo (Mercacevi), Delmiro Hermida, presentaron hoxe a programación desta nova edición de “Ama o teu mercado”, nunha rolda de prensa na praza do mercado de Teis. Co gallo da inauguración da campaña, o mercado acolleu un set desde o que se emitiu, entre as 12.30 e as 14.00 h., o programa Hoy por Hoy de Radio Vigo, conducido por Jacobo Buceta, con entrevistas a vendedores e público do mercado.
A campaña comezou onte, coa celebración do “Mercado da Arte” no mercado do Calvario. Dende hoxe, e ata o vindeiro día 8 de xuño, os mercados de Teis, As Travesas, O Calvario, O Progreso, Bouzas e Cabral desenvolverán un programa de actividades consistente en visitas guiadas e obradoiros dirixidos a escolares, exhibicións de cociña, degustacións e catas, animacións “performance”, e espectáculos na rúa.
As prazas de abastos de Vigo engaláronse para a ocasión coa instalación de banderolas e carteis, e os vendedores e vendedoras lucirán delantais co lema da actual edición, “Cerca do teu corazón”, no que destaca a figura do corazón distintitivo da campaña promovida pola Unión Mundial de Mercados Maioristas (WUWM) en máis de 16 países.
Na súa intervención, tanto Rivas como Hermida fixeron alusión as vantaxes da compra nos mercados, e destacaron que a calidade, o trato e a atención, os bos prezos, a comodidade na compra, a cercanía e as boas seccións de alimentación fresca son os aspectos máis valorados polos clientes dos mercados vigueses.
Programación nos mercados
Coa finalidade de mostrar as posibilidades culinarias da excelente materia prima que se vende nas prazas, terán lugar diversas matinés, nas que o público poderá gozar do ambiente dun gastrobar montado para a ocasión, unha animación “performance” con música de cabaré, unha cata de viño e un showcooking con degustación.
O mercado do Progreso acollerá a súa matiné o vindeiro venres, día 25; o do Calvario, o sábado 26; o de Teis, o día 1 de xuño, e o das Travesas, o día 8 de xuño. O sábado día 2 de xuño, ademais, o mercado do Calvario será o escenario dun flashmob onde o público poderá gozar tamén do ambiente festivo mentres realiza as súas compras.
Ademais, o día 22, no mercado de Bouzas, e o 29 no de Cabral, terá lugar unha actuación “performance” de dúas horas de duración –entre as 11.30 e as 13.30 h.– en torno á temática do cabaré, na que os actores interactuarán co público.
Visitas guiadas de escolares
As visitas guiadas e obradoiros para escolares realizaranse entre os días 22 e 31 de maio aos mercados de Teis, O Progreso, O Calvario e As Travesas. Terán unha duración de unha hora e nelas os vendedores e vendedoras das prazas aportarán aos nenos e nenas as súas experiencias e divulgarán entre eles a importancia dunha alimentación a base de produtos naturais, así como o papel dos mercados tradicionais como espazos de encontro dos ámbitos rural e urbano, e na xeración de vínculos afectivos entre as persoas.
Nos obradoiros, impartidos por personal especializado en pedagoxía, os escolares traballarán, así mesmo, os contidos temáticos e a filosofía que guía esta campaña de promoción dos mercados de proximidade.