Ao ancho e longo do extenso municipio de Vigo espállanse decenas de núcleos de poboación, algúns deles tan importantes como Lavadores ou Bouzas, noutrora concellos independentes e con grande importancia no futuro da maior cidade de Galicia.
A extensión da cidade permitiu a creación de grandes barriadas ben diferenciadas e as conseguintes rivalidades que quedan reflictidas nos alcumes dos seus habitantes, agora recollidos nun interesante estudo.
O ‘Portal de ditados tópicos galegos’ é unha base de datos con máis de 1.500 alcumes colectivos creada a partir do convenio asinado entre o Instituto da Lingua Galega e a Fundación Camilo José Cela para aproveitar os materiais galegos dun ambicioso proxecto do que fora premio Nobel, a redacción do ‘Diccionario geográfico popular de España’, que acometeu coa colaboración de carteiros de todo o Estado, tal e como recolle este mércores o periódico Sermos Galiza.
«A comezos de 1971, enviou ás xefaturas de Correos, para o seu reparto entre os carteiros, máis de 25.000 enquisas en que solicitaba información sobre ditados tópicos das localidades que servían ou doutras veciñas. Pero esta cantidade inxente de datos quedou inédita na súa maior parte», recordaba nunhas xornadas da RAG o filólogo David Rodríguez, engade o diario dixital.
No mencionada portal aparecen tamén en formato PDF algunhas das respostas dos habitantes a aquela enquisa que fixeran os carteiros vigueses. Así, os vigueses describían algúns dos alcumes que recibían en función do barrio no que residían, pero tamén refráns da zona e outras peculiaridades.
Matamá: Matamanexos (apodo despectivo). As mozas que van a Matamán / sentan o cú no chán / ainda que extraxen a ferrán (refrán).
Valadares: Balandráns. Valadesos.
San Pelayo de Navia: Pataqueiros.
Zamáns: Zamaneneses o Zamanenses.
Teis: Teisanos ou teisenses. Pescadillas meladas.
Bouzas: Boucenses.
Cabral (Santa Mariña): Rusia-Chica = Moscovitas
Santo André de Comesaña: Calludos e Coreanos.
Refráns e ditos recollidos
Nalgúns casos, os documentos recollidos pola Fundación Cela contan con afirmación de vigueses indicando que os de A Coruña son «cascarilleros», os de Vigo son «carteristas», os de Pontevedra son «canteros» e os de Santiago son «picholeiros».
Noutras ocasións mencionan ditos ou refráns coma «Na festa do S. Andrés / quen non mata porco / mata a muller» ou «En tiempos de mi abuelo / cierta poeta dedujo / que no hay más paraíso / que la parroquia Corujo».