Os novos retos para acadar a igualdade nas empresas e a lexislación posta en marcha con ese obxectivo centraron a xornada celebrada na sala Susana Rodríguez Gacio da sede viguesa da Deputación de Pontevedra. A asociación Aedipe Galicia, – integrada na Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas- organizou no marco dos actos do Día Da Muller o encontro “Claves para a implantación de medidas laborais aplicando a perspectiva de xénero”, no que participou unha vintena de profesionais de entidades empresariais e que contou coa intervención da deputada provincial Ana Laura Iglesias.
“Non se ten acadado a igualdade efectiva no ámbito empresarial e temos que rachar con ese teito de cristal. As mulleres somos o 52% da poboación, temos os mellores expedientes académicos e esa situación non se traslada á realidade laboral”, explicou Iglesias, quen subliñou que “a Deputación de Pontevedra, dirixida por primeira vez na historia por unha muller, a presidenta Carmela Silva, ten na igualdade un dos seus elementos identificativos”.
María Ángeles García, presidenta da Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais (Agaxen), impartiu na xornada a ponencia “Transversalidade no principio de igualdade nas empresas”. Nela abordou a integración da perspectiva de xénero na xestión empresarial con cuestións tan importantes como a elaboración dos obrigatorios plans de igualdade, a equidade laboral, as auditorías salariais ou os protocolos de prevención de acoso.
Pola súa banda, Ainhoa González Díaz (socia do Bufete Barrilero) abordou detalladamente na súa ponencia os puntos críticos dos plans de igualdade, unha ferramenta imprescindible para promover a igualdade de xénero efectiva nas empresas.
Esta xornada inaugurou a actividade na sala Susana Rodríguez Gacio da Deputación en Vigo.