A Asociación Veciñal Novo Vigo vén de realizar unha aposta polas novas tecnoloxías para achegar ás persoas residentes en Navia todo o que acontece no barrio mediante o lanzamento dunha app propia.
A aplicación contén información sobre as actividades que se organizan no local da asociación e no barrio -obradoiros, cursos, charlas, eventos culturais e de ocio-, sobre as novas de interese que publican os medios de comunicación e ten seccións especiais para as persoas socias, onde se poden recibir notificacións sobre as iniciativas concretas, descontos, excursións…
A ferramenta, a primeira lanzada por unha asociación veciños en Vigo, xa está dispoñible para móbiles Android e proximamente se poderá descargar para iOS.