Sobrecollidos aínda coas imaxes da vaga incendios na Serra do Courel, as investigadoras e investigadores de Cispac, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, están a organizar para o vindeiro venres 29 de xullo o que denominan unha “visita científica transformadora” á aldea de Vieiros, no concello lugués de Quiroga. Acoden a unha chamada das propias veciñas e veciños, un grupo de persoas que están metidos de cheo “na busca de novas ideas que fagan viable a longo prazo a súa aldea, reducindo o risco de incendio e conservando os valores ambientais, sociais e económicos vinculados coa dotación de recursos existentes”, tal e como explica o profesor da Universidade de Vigo, Xavier Simón, secretario técnico de Cispac e docente encargado da coordinación desta actividade.
“Esta vaga de incendios no Courel amosa, desgraciadamente, a necesidade de responder de forma urxente ás necesidades de transformación do territorio, transformación na forma de facer ao territorio parte de procesos de aproveitamento respectuoso”, explica Simón, facendo fincapé en que todo este proceso non se pode deixar de seu, senón que hai que xestionalo. “E hai que facelo no contexto de cambio climático tan alarmante no que estamos inseridos. Non valen xa as vellas políticas, as antigas receitas”, salienta Simón, director do grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, Gieea.
“Nos últimos anos observamos con tristura como a maior parte dos antigos camiños de carro, os muros das fincas e as canles de rego están caendo unha tras outra. Elementos que se perden e que é económica ou humanamente imposible recuperar na situación actual”, explica Roi, veciño de Vieiros, principal promotor da iniciativa e contacto co Cispac. Buscan establecer un modelo que funcione. Estudar diferentes alternativas… “Queremos un modelo que sexa viable, pero non pretendemos beneficio económico máis alá da súa sostibilidade, aínda que non só dende o punto de vista de equilibrio ecosistémico, senón tamén de patrimonio material (mantemento de muros, camiños e edificacións)”, explica o impulsor da iniciativa.
Sobre a actual fórmula de xestión da aldea este veciño explica que o método de manter a base de desbrozadora a contorna da aldea resulta insostible. “Normalmente pasaba un mes ao ano limpiando só para manter, pero non é viable a longo prazo. Por outro lado, a Xunta está facendo presión nos concellos para que fagan cumprir a lei de incendios coas faixas de 50 metros, e xa teñen chegado algunhas cartas ao respecto á aldea”, recalca.
Con esta chamada aos investigadores e investigadoras do Cispac, a veciñanza de Vieiros busca asesoramento e acompañamento, especialmente para o establecemento da iniciativa que xa teñen en mente. Queren pór en uso as terras abandonadas arredor da aldea utilizando animais. Pretenden facelo a través dunha asociación sen ánimo de lucro, e reverter os beneficios no mantemento das infraestruturas e paisaxe cultural da aldea. Inicialmente pensaron en poñer en funcionamento as fincas máis próximas á aldea con équidos e caprino, cunha segunda fase de soutos e parte do monte con porco, pero están totalmente abertos a outros modelos, incluso a probar con proxectos que impliquen un uso máis innovador dos seus recursos, coa posibilidade incluso de chegar a desenvolver iniciativas paralelas (turismo gandeiro, espazos de coworking en contornas naturais, obradoiros de produtos…).
A visita a Vieiros dos investigadores das tres universidades galegas que se decidan a participar nesta iniciativa servirá como primeira toma de contacto e diálogo aberto coas veciñas e veciños para tentar reconducir a súa dinámica de desenvolvemento, caracterizada polo abandono dos recursos e a despoboación e o incremento dos riscos asociados a esas dinámicas. “Queremos aprender, avaliar e dar unha resposta razoada para a comunidade de Vieiros. Unha resposta transformadora”, explica o profesor Xavier Simón, insistindo na idea de que se trata dunha nova forma de facer ciencia, “unha ciencia coa xente, unha ciencia local, unha ciencia que eventualmente podería ser útil directamente para unha pequena comunidade asentada na montaña luguesa do Courel”.
As investigadoras e investigadores interesados en participar nesta visita transformadora deben enviar un mail a cispac.vigo@uvigo.gal, achegando, a ser posible, as súas ideas previas para integrar no programa da visita.