En febreiro de 1999 a Facultade de Humanidades aprobou o cambio de nome que a convertería na Facultade de Filoloxía e Tradución, designación que segue vixente na actualidade.
Para poñer en valor esta efeméride, o centro organizou este xoves un acto que tamén serviu para abrir este novo curso. O evento desenvolveuse a modo de conversa entre o decano actual do centro, José Montero, e tres dos antigos responsables do centro: Camiño Noia, Rosa Pérez e Luis Alonso Bacigalupe, que repasaron os fitos máis importantes destes 25 anos “lembrando a nosa historia pero non para quedarnos no pasado, senón para mirar adiante”, como recalcaba Montero. O presente e o pasado do centro, da man ante o que representa o futuro, os alumnos.
Como lembraba José Montero, Camiño Noia foi decana da antiga Facultade de Humanidades (1990-1992), pero tamén de Filoloxía e Tradución en 2005, polo que representa “o vencello entre o vello Colexio Universitario” (onde xa había estudos de lingua e literatura, “que compartían espazos cos de económicas e ciencias”) e a Universidade de Vigo.
Coas súas achegas, as e os presentes lembraron os primeiros pasos da facultade, “un comezo duro pero bonito” en palabra de Noia, e analizaron como cambiaron as relacións entre profesorado, alumando e PAS.
Tamén houbo tempo para debullar a situación dos estudos ofertados pola facultade en relación cos da USC e para falar sobre a situación das humanidades e a necesidade dunha facultade deste eido na contorna de Vigo.
A este respecto, Camiño Noia lembrou como, unha vez segregadas as tres universidades, houbo que loitar con Coruña “para que a titulación de Tradución e Interpretación se trouxese para Vigo”.
Neste sentido, tanto Noia como Rosa Pérez e Luis Alonso Bacigalupe, que precederon o actual decano no cargo, a primeira entre 2009 e 2015 e o segundo entre 2015 e 2020, fixeron fincapé na importancia dunha facultade de Filoloxía e Tradución nunha cidade coa relevancia económica e industrial de Vigo e a súa contorna.
Rosa López defendeu a importancia da filoloxía, máis alá de que sexa considera ou non unha disciplina científica, “porque todos os saberes básicos son fundamentais e sen eles non se pode construír nada enriba”.
Alonso Bacigulupe fixo o propio na defensa da tradución, reflexionando sobre a necesidade de profesionais deste eido nunha comunidade que conta cunha lingua propia ademais do español.
O exdecano recalcou que “a posta en marcha da titulación encheu un baleiro crucial para Galicia”, porque “sistematicamente había que recorrer a intérpretes e tradutores de Madrid, o que era moito máis caro e non daba opción á tradución cara o galego”. Ademais, puxo en valor a relevancia que ten esta profesión para o tecido industrial e empresarial de Galicia, en xeral, e de Vigo, en particular, unha cidade na que cada ano “hai unha morea de congresos” relacionados por exemplo coa pesca, que precisan destes servizos.
Ao longo da conversa entre os tres exdecanos e o actual tamén se repasaron outros aspectos, tanto históricos como presentes. Por exemplo, Rosa Pérez lembrou como foi o desafío de adaptarse ao EEES, o Plan Boloña e a evolución das licenciaturas cara os graos. “Foi unha situación complexa, un desafío que requiriu compaxinar durante catro anos sete titulacións funcionando ao mesmo tempo, as catro licenciaturas e tres graos”. Recoñecía que foi un proceso agridoce, no que houbo moitas cousas positivas, sobre todo no relacionado “cos dereitos do alumnado”, pero outras, como a organización dos horarios da docencia, foron un reto. Reflexionando sobre aquel tempo, Pérez asumía que, a día de hoxe, probablemente non loitaría porque os graos tivesen unha duración catro anos, “dado que no resto de Europa teñen tres e o espazo común europeo resultou non ser tan común”. Sobre cousas que quedaron no caixón sen facer, a exdecana teno moi claro: “modificar o plan de estudos de Tradución e Interpretación”.
Con Luis Alonso Bacigalupe tamén se falou de pasado, do forte proceso de internacionalización que tivo lugar na FFT e de como seguir avanzando neste eido, así como da singularidade dos estudos de Tradución e Interpretación no Sistema Universitario Galego. Outro dos temas centrais do debate foron os retos e complexidades derivados da baixada do número de alumnado no centro e un futuro incerto pola redución da natalidade e a previsible baixada de poboación en idade de cursar estudos universitarios. Ademais, tamén debullaron a evolución e crecemento do persoal do centro ou as saídas laborais para o a alumnado.
Un agarimo aos antigos decanos e decanas
Ao rematar o acto tivo lugar un dos momento emotivos do evento, coa entregada de agasallos ás persoas que ocuparon o Decanato do centro dende que este era Facultade de Humanidades ata o presente: Camiño Noia Campos (23/11/1990 – 05/10/1992 e 01/10/2005 – 23/11/2005); Dolores Troncoso, (06/10/1992 – 10/01/1994 e 27/10/2008 – 06/02/2009); Xosé Antonio Palacio (17/03/1994 – 30/07/1995); Luis Domínguez (24/05/2002 – 24/05/2005); María Rosa Pérez (07/02/2009 – 18/09/2015) e Luis Alonso Bacigalupe (25/11/2015 – 18/02/2020).
A esta listaxe hai que sumar, aínda que non puideron asistir, a Manuel Ángel Candelas, decano (04/07/1998 – 23/05/2002); María do Carmo Henríquez, decana entre 25/05/2005 – 30/09/2005; e a Joaquín Sueiro, decano entre 24/11/2005 – 19/04/2006, 15/05/2006 – 11/01/2007 e 20/03/2007 – 26/10/2008, así como ao falecido Celso Rodríguez Fernández, decano entre xaneiro e marzo de 1994 e logo do 31/07/1995 – 03/07/1998.