O grupo municipal da Marea de Vigo esixiu ao Goberno local que regule as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital (IMV) ante as colas xeradas no concello no primeiro día de tramitacións. A formación denunciou que o acontecido “semella feito deliberadamente para o paseo dos concelleiros e concelleiras”. O voceiro do partido, Rubén Pérez, sostivo que “non se entende semellante espectáculo cando todo o relativo á política social e axudas debe facerse garantindo a privacidade das persoas”.
Marea de Vigo non entende o que denominou “querencia do alcalde” por que a xente faga colas “como o señor feudal as facía para o cobro do diezmo”. “Están a tramitarse en miles de concellos e institucións as solicitudes para o IMV, en todas elas sen o espectáculo de concelleiros e concelleiras roldando as colas para as fotos que acontece na nosa cidade, feito que constitúe, segundo a Marea de Vigo, un novo exemplo da pornografía da pobreza que tanto lle gusta ao alcalde da cidade. Non é Abel Caballero quen vai pagar as axudas, senón que trátase dunha medida acadada polo actual Goberno do Estado, medida que será finalmente xestionada e pagada polas arcas do mesmo Estado. Non ten sentido, sobre todo ético, o que se está facendo na casa do Concello”, critica a formación.
Para a Marea de Vigo, o sistema de cita previa ten que garantir, cando falamos de servicios sociais, a absoluta privacidade das persoas solicitantes. “Hoxe había mesmo varios menores nas colas que, seguimos a denunciar, se forzaron para a foto de xeito deliberado. Isto ímolo denunciar tamén ante o colexio de traballadores sociais de Galicia”, conclúe Rubén Pérez.