O grupo municipal da Marea de Vigo pediu ao Concello que poña fin ao contrato de seguridade nos museos municipais ante os “incumprimentos” da empresa concesionaria. A formación, que lembrou que esta firma acumula retrasos no pago das nóminas aos traballadores, fixo responsable ao Goberno de Abel Caballero “do que suceda co cadro de persoal, xa que foron coñecedores da situación desde o primeiro momento e, tal e como era previsible, a situación non fixo máis que empeorar, estando a empresa xa afectada por un concurso de acredores”.
Por iso, o partido solicitou vía rexistro este martes a resolución do contrato coa concesionaria de vixilancia de seguridade na rede museística de Vigo tras ter coñecemento de todos os “atropelos” levados a cabo pola compañía, a UTE Sistemas de Seguridade A-1 SL – Servicios de Seguridade Integral e Mantementos A.1 SL.
“Vemos con estupor como, outra vez, o Goberno de Abel Caballero mira para outro lado á hora de enfrontarse a unha concesionaria que incumpre cas e cos traballadores”, declarou o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez.
No seu escrito, a formación pídelle ao concelleiro de Cultura, á concelleira de Contratación e ao propio alcalde que tome como base o prego administrativo e a propia Lei de Contratos do Sector Público para rescindir a concesión. “Non é comprensible que, tendo as ferramentas necesarias, este Goberno non queira resolver un contrato, dilatando unha situación que coñece perfectamente pois xa aconteceu co contrato de limpeza das dependencias municipais, onde finalmente tivo que resolver o contrato”, matiza Rubén Pérez.
O grupo municipal tamén baséase no seu escrito nas resolucións emanadas da Inspección de Traballo, á que acudiron os sindicatos durante os últimos meses ante os incumprimentos da empresa. Neste sentido, Rubén Pérez sinala que “o Goberno local o tiña máis doado que noutras ocasións, tendo recoñecido a Inspección o incumprimento da normativa laboral”. “É moi curioso que todos os informes xurídicos do Concello non o fagan e se limiten, dun xeito reiterado, a cualificar un impago salarial coma unha falta leve e non como a falta grave que supón, segundo o prego, o non cumprir en materia laboral”, prosegue Pérez.
Ante isto, Marea de Vigo insiste na necesidade do control das concesionarias que o Goberno de Abel Caballero rexeita, pois “os problemas laborais coas empresas concesionarias son xa unha constante neste Concello”.