O coalición Podemos-Marea de Vigo anunciou este luns a súa intención de detallar durante o tempo que queda de campaña electoral que zonas de Vigo teñen carácter de zonas “tensionadas” polos prezos da vivenda. A coalición, que criticou á Xunta e ao Partido Popular por non querer aplicar a nova lei que busca rebaixar os alugueiros, explicará como se podería facer desde o Concello de Vigo para conseguilo e como podería desenvolverse unha estratexia axeitada desde Urbanismo para concretar esas 4.000 vivendas que “é posible poñer a disposición da cidadanía”.
“Temos un instrumento que vai permitir aos concellos, de maneira clara e meridiana, declarar as zonas tensionadas, onde se incrementan de maneira notable os alugueiros, e que por tanto vaise a poder actuar limitando e topando o prezo dos alugueiros”, recorda Podemos-Marea de Vigo.
A formación que lidera Rubén Pérez de cara ás eleccións municipais censura que o Partido Popular intente “boicotear” esta lei de vivenda. “Consideramos que o Partido Popular de Vigo non está autorizado na nosa cidade para falar de vivenda, non só despois de non levar adiante políticas de construción de vivenda pública, senón tamén negándose a que exista un instrumento corrector, por primeira vez na historia da democracia española, que permita evitar eses incrementos desorbitados dos alugueiros”, sinala Podemos-Marea de Vigo.
Este vai ser un dos eixos centrais da campaña electoral da coalición ata o venres. Tamén a “necesidade” de remunicipalizar servizos privatizados e sobre todo como hai que afrontar esas remunicipalizacións. Serían servizos como o asfaltado ou o transporte urbano.
Tamén falará a formación de como se pode executar un orzamento. “Como é posible que o actual goberno de Abel Caballero deixe sen executar partidas de investimentos de máis do 70 ou 80%?”, preguntan.
Podemos-Marea de Vigo procura a mobilización do electorado alternativo e de esquerda. Nese obxectivo axudará o voceiro de Podemos, Pablo Fernández, que visitará a cidade o xoves 25 de maio.