A Porta do Sol, con “pequenas limitacións” polas obras de soterramento do tráfico, e a contorna do Príncipe acollerán máis de 20 actividades, concertos e actos durante o Entroido vigués de 2020. A programación festiva estenderase dende o 21 ao 26 de febreiro, segundo confirmou este mércores o Concello.
As actividades comezan o venres 21 de febreiro con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol desde ás 18.00 horas, entronización do Meco ás 20.00 horas e posterior concerto de Soraya. O sábado 22, novamente animación da rúa no centro pero desde as 17.00 horas, co desfile-concurso de comparsas e carrozas ás 18.00 horas e concerto de Ketama na Porta do Sol ao remate.
O desfile de comparsas partirá do nó de Isaac Peral e manterá o percorrido habitual. As comparsas deberán ter un mínimo de 35 integrantes e haberá premios de 3.000, 2.500 e 2.000 euros respectivamente para os tres primeiros e catorce accésits de mil euros cada un.
Para o domingo, os merdeiros estarán no centro histórico en horario de mañá e tarde. Ás 10.00 horas arranca en Príncipe a carreira popular infantil e unha hora máis tarde, a categoría de adultos e veteranos, con saída en Porta do Sol e percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso, Pi y Margall, Lopez Mora, Camelias, Romil, Cachamuiña, Pracer, Progreso, Doutor Cadaval e final na Porta do Sol. Pola tarde haberá animación de rúa de 17.00 a 19.00 horas en Príncipe e Praza da Princesa, actuacións infantís ante o MARCO ás 17.00 horas e chocolatada infantil ás 18.00 horas no mesmo emprazamento.
De luns a mércores
O luns 24 organizaranse obradoiros e animación infantil de 17.00 a 20.00 horas diante do MARCO, con outra chocolatada infantil ás 18.00 horas. O martes 25, festivo local, novamente os merdeiros percorrerán o centro histórico en horario de mañá e tarde. Ademais, celebrarase o concurso de disfraces e a queima do Meco ás 22:30 horas na Porta do Sol.
O concurso, se o tempo o permite, desenvolverase diante do MARCO, en Príncipe, desde as 17:30 horas nas categorías individual e grupo conxuntado infantil (ata os 13 anos) e desde as 18:30 horas para a individual e grupo conxuntado xeral (desde 14 anos). As inscricións recolleranse na mesma rúa do Príncipe desde unha hora antes do inicio de cada concurso.
Finalmente, o mércores 26 de febreiro terán lugar as exequias funerarias solemnes das comparsas e acompañamento da comitiva ás 18.00 horas, en Porta do Sol, Príncipe, Colón, Policarpo Sanz e volta á Porta do Sol. Este será o punto de celebración do enterro do Meco, ás 19:30 horas, cos oficios laicos, responsos e sermóns, e lectura da acta do xurado e entrega de premios dos concursos de comparsas e carrozas.