O Bloque Nacionalista Galego denunciou o abandono por parte do Concello de Vigo do Dolmen da Casa dos Mouros, declarado como Ben de Interese Cultural e parte do catálogo municipal de Patrimonio Histórico. Decenas de persoas convocadas pola fronte nacionalista veñen de realizar este sábado un acto de protesta ao pé desta importante peza para reclamar a súa posta en valor, após ano e medio rodeada cun valado de obra polo Goberno municipal.
«O goberno de Abel Caballero foi incapaz de dar unha soa explicación para manter o Dolmen valado e nun estado lamentábel», criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou non ter recibido ningunha resposta ás numerosas interpelacións realizadas desde o Bloque, a última o pasado mes de maio, esixindo actuacións que garantan a adecuada conservación deste elemento chave da arquitectura dolménica da cidade, ubicado na parroquia de Candeán e recuperado nos anos 90 polo propio Concello.
Igrexas cualificou de «inadmisíbel» que o Goberno local continúe a «poñer en risco co seu desleixo» o patrimonio histórico de Vigo. «Abel Caballero menospreza todo o que non pode inaugurar, pensa que a cidade non existía antes dos seus mandatos», censurou.
Neste sentido, o edil nacionalista pediu ademais unha aposta decidida do Goberno municipal para valorizar o Dolmen da Casa dos Mouros e o conxunto de mámoas de Candeán ampliando o seu coñecemento social a través de campañas e accións divulgativas como parte fundamental do noso legado.
«Malia ser un dos dolmen de maior envergadura e ter un inmenso valor patrimonial, un monumento que é testemuña da historia remota da cidade e das persoas que a habitaron moito antes ca nós, moitas viguesas e vigueses aínda non o coñecen», lamentou.
Este acto de protesta estivo enmarcado nunha campaña local do BNG baixo o título VigoMáis, iniciada o pasado 13 de maio cun evento para coñecer entidades que traballan en prol da lingua galega. As nacionalistas anunciaron para as próximas semanas e meses novas actividades co obxectivo de seguir poñendo en valor a cultura e o patrimonio da nosa cidade. «Vigo é máis que o parque temático friki do nadal ao que Abel Caballero quere reducir toda a nosa historia», remachou o concelleiro do BNG.