A novena edición do Premio de Igualdade Ernestina Otero recaeu este ano en Mercedes “Chis” Oliveira Malvar, doutora en Filosofía e Pedagoxía pola Universidade de Santiago, docente en Ferrol, Nigrán, Cangas e catedrática de Filosofía no IES Alexandre Bóveda ata o seu retiro.
Oliveira destaca como “activista importantísima no ámbito da igualdade”, segundo valorou este martes o alcalde en rolda de prensa, con experiencia en ámbitos formativos superiores en Vigo, Santiago, Córdoba, Madrid e Estremadura, presidenta da ONG de Dereitos Sexuais Federación de Planificación Familiar de España (1988-2003) da que foi representante internacional e actualmente coordina o “Comando Igualdade”, asociación de mocidade galega feminista.
O Ernestina Otero desde ano engádese á ampla nómina de premios que atesoura Oliveira ao longo da súa traxectoria. Viguesa Distinguida no 2017, foi Premio Nacional de Educación e Sociedade a materiais didácticos de innovación educativa do Ministerio de Educación no 1995 e recibiu a Mención honorífica no Premio Irene do Ministerio de Educación pola posta en marcha dun programa afectivo-sexual en 4º da ESO do IES Alexandre Bóveda, entre outros.
Con data por confirmar, a previsión municipal é celebrar a concesión do galardón próximamente. Abel Caballero avanzou que no mesmo acto se fará tamén entrega do Ernestina Otero do ano pasado a María Xosé Porteiro, que non puido ter lugar pola irrupción do Covid-19.