O que no caso de Nuria Ferreiro Amoedo tivo a súa orixe nun desexo de preservar o patrimonio inmaterial relacionado coa etnomedicina, desde unha perspectiva interdisciplinar e personalizado nas figuras femininas de meigas, curandeiras, menciñeiras ou parteiras, para Elena Valcárcel Cao foi, foi unha consecuencia de moitos anos vinculada ao mundo do balonmán, nos que puido observar como chegada a adolescencia as mulleres abandonan a práctica deportiva, algo que non ocorre no caso dos homes. De aquí parten Convite ao avecer e Competencia motriz obxectiva e percibida en adolescentes: Un enfoque de xénero, o traballo fin de grao (TFG), o primeiro, e o traballo fin de mestrado (TFM), o segundo, que maior cualificación acadaron nas ramas de Artes e Humanidades e Ciencias Xurídicas e Sociais, respectivamente, na convocatoria 2020/2021 dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero no TFG e TFM que outorga a UVigo.
Representing the Singaporean Woman´s Stuggle Through Catherine Lim´s “The Taximan´s Story”, na rama de Artes e Humanidades, da graduada en Linguas Estranxeiras Alba Zels Garrido, e Os corpos das mulleres ao mercado do neoliberalismo: ventres de alugamento, na rama de Ciencias Socias e Xurídicas, da titulada de Traballo Social Tania Gándara Suárez, completan os TFM premiados na última convocatoria dos Egeria. Pola súa banda, Muriel Carmen Domínguez Viso, alumna do Máster en estudos ingleses avanzados e as súas aplicacións, e Ana Isabel Montouto López, estudante do Máster de dirección de arte publicitaria, acadaron cadanseu premio aos mellores TFM nas ramas de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, respectivamente. Os galardóns cos que a UVigo recoñece os mellores traballos de fin de grao e de fin de mestrado do seu alumnado que inclúen a perspectiva de xénero, repartiron nesta convocatoria 3300 euros, 500 para cada un dos TFG premiados e 600 no caso dos TFM.
Unha homenaxe ás antepasadas
Como un recoñecemento ao seu traballo de investigación e creación, á par que unha clara posta en valor do feito de investigar con perspectiva de xénero, valora Nuria Ferreiro o premio Egeria acadado co seu TFG, no que se establecen vínculos entre disciplinas como a etnomedicina, a antropoloxía, a literatura e a arte contemporánea. Pero Convite ao avecer é tamén “unha homenaxe ás mulleres das miña familia. A miña raiceira cultural máis íntima está onde están elas e as súas verbas. A miña bisavoa Alicia practicaba dun xeito activo a medicina popular e foi unha desas persoas que tivo a valentía de atesourar a sabedoría de quen a precedeu e, sen querer ou queréndoo, conseguiu que eses saberes me chegasen”, relata a esgresada de Belas Artes, que explica que foi precisamente a súa bisavoa quen lle ensinou a súa nai a palabra ‘avecer’, que na súa honra dá nome ao seu traballo de investigación. Pero o repaso ás súas devanceiras non estaría completo sen a avoa Celia, que asistía a partos de animais “e actuou de enfermeira sen título coas persoas da aldea que llo pedían e tamén aprendeu a escribir pola súa conta. Narradoras e sabias, para min iso foro e isto son”.
Etnografía, antropoloxía e arte contemporánea entrelázanse no proxecto de investigación e creación de Nuria Ferreiro, que tamén aborda en Convite ao avencer ideas e figuras intrínsecas á cultura popular galega (meigas, curandeiras, menciñeiras ou parteiras) desde a perspectiva de xénero e cun fondo compromiso por investigar, recuperar e difundir todo aquilo que ao longo da historia foi negado, reprimido ou anulado. “En canto ao desenvolvemento do traballo, ao mesmo tempo que fun construíndo un corpo teórico, fun argallando unha intervención artística con distintas pezas que conformaron unha única instalación e que xorden a partir de cinco ensalmos empregados no ámbito da medicina popular”, detalla a autora, que foi quen de transformar os textos en interpretacións plásticas, empregando elementos cotiás, xunto coas verbas, e que funcionan como un nexo común entre as diferentes obras a nivel conceptual e formal.
Diferenzas significativas por motivos de xénero tamén na competencia motriz
Tras moitos anos vinculada ao mundo do balonmán, nos que como muller e deportista puido observar como as mulleres abandonan a práctica deportiva ao chegar á adolescencia, “mentres que no caso dos varóns isto non é significativo”, así como as diferenzas a nivel profesional e mediático, “aínda que cada vez menores”, Elena Valcárcel Cao optou para o seu TFM por investigar que impacto tiña este feito na competencia motriz das e dos adolescentes. A competencia motriz, que pode ser obxectiva (a capacidade ou habilidades reais que temos para movernos e realizar tarefas motrices), e percibida (como pensamos que somos a nivel motriz), “inflúe na creación da identidade, na autoestima e no número de interaccións en actividades físicas. Unha persoa que teña unha boa competencia motriz, sentirase máis capaz, aumentará as súa autoestima e terá máis ganas de realizar actividades físico-deportivas”, detalla a gañadora dun dos premios Egeria.
95 adolescentes, cunha idade medida de 15,03, participaron no estudo, no que se empregaron probas de competencia obxectiva (AST e TGMD) e a enquisa de competencia percibida (AMCQ). Os resultados do estudo mostran que existen diferenzas significativas por motivos de xénero na competencia motriz obxectiva e na percibida, aínda que nos hábitos físico-deportivos se atoparon nunha tendencia positiva cara á igualdade. “En concreto, comprobouse que nos varóns a competencia obxectiva se asocia coa percibida, mentres que nas mulleres esta relación non existe. Polo tanto, é necesario coñecer as causas destas diverxencias para intervir a nivel educativo e social, coa finalidade de garantir o dereito de todas as persoas a esta en forma e sentirse ben”, explica a graduada en Educación Infantil no campus de Ourense. Para Elena Valcárcel o premio Egeria “supón o recoñecemento ao esforzo e ao tempo que lle dediquei para realizar o traballo. Ademais que se valore incluír a perspectiva de xénero nos TFG e TFM creo que é unha boa forma de incentiva que se continúe investigando sobre este eido, relacionándoo con outros ámbitos de estudo”.
Resumo dos traballos premiados
En Representing the Singaporean Woman´s Stuggle Through Catherine Lim´s “The Taximan´s Story”, TFG premiado na rama de Artes e Humanidades, da graduada en Linguas Estranxeiras Alba Zels Garrido, o obxecto de estudo é o conto The Taximan’s Story incluído na colección Little Ironies: Stories of Singapore de Catherin Lim. A historia presenta a realidade dun país que silenciou ás mulleres no pasado, poñendo en marcha políticas nas que non se ten en conta a opinión dos que se verán afectados por elas, creando persoas que pensan e actúan do mesmo xeito que o protagonista da historia e perpetuando unha sociedade desigual en base ao sexo.
Pola súa banda, Tania Gándara Suárez en Os corpos das mulleres no mercado do neoliberalismo: ventres de alugamento, TFG premiado na rama das Ciencias Sociais de Xurídicas, analiza percepción que ten poboación nova sobre os ventres de alugamento. Os resultados obtidos na investigación na que participaron 10 persoas de entre 25 e 33 anos, evidencian que os ventres de alugamento son percibidos de forma favorable entre a xente nova, sendo 8 das 10 persoas participantes as que se posicionan a favor dalgunha das modalidades en que se pode levar a cabo a práctica. Deste xeito, o traballo conclúe que a mocidade amosa actitudes favorables cara unha práctica que vulnera os dereitos das persoas e perpetúa a desigualdade entre homes e mulleres, polo que se considera necesaria unha educación para a igualdade.
Verdades Persoais e o Ensaio de Non-Ficción: Vergonza, Silencio e Dor en Constellations: Reflections from Life de Sinéad Gleeson e Notes to Self: Essays de Emilie Pine, TFM do ámbito das Artes de Humanidades de Muriel Carmen Domínguez Viso, céntrase en dúas obras que cabalgan entre o xénero da memoria e o ensaio de dúas autoras irlandesas. A investigación explora de que forma Gleeson e Pine innovan o xénero da memoria e o seu potencial como instrumento feminista para dar voz a experiencias silenciadas das mulleres e a súa combinación co ensaio para teorizar estas experiencias desde unha perspectiva de xénero que as enmarca dentro dunha opresión común a todas as mulleres.
En Mrs. Bauhaus, Ana Isabel Montouto López presenta no seu TFM premiado un produto modular composto por un álbum ilustrado, ilustracións, un videoxogo e un xogo infantil que buscan recoñecer, reivindicar e facer visible o rol fundamental que as mulleres tiveron dentro da escola de deseño Bauhaus. E é que aínda que normalmente foron os deseños masculinos os que maior transcendencia tiveron, as alumnas, moitas veces máis numerosas que os homes, tiveron un importante papel, tanto dentro da escola, como na historia da arte e o deseño.