Do 18 ao 31 deste mes maio, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo celebra dúas semanas de portas abertas. O obxectivo é que toda a comunidade universitaria poida coñecer, de balde e sen compromiso, tanto as instalacións xestionadas pola UVigo como as actividades deportivas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono Muver.
Así, ao longo de quince días, as persoas que forman parte da institución poderán, por exemplo, coñecer as salas cardio-fitness ou participar en múltiples actividades, como HIIT, adestramento funcional, ioga, Core ou pilates. Para toda as actividades é preciso reservar praza.
Todas e todos aqueles que, despois de probar, queiran facerse co Abono mUVer, poden optar pola modalidade anual, cuadrimestral ou só para os meses de verán. Esta proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte está aberta tanto á comunidade universitaria e familia UVigo, como a outras persoas e colectivos vencellados á institución, así como a persoas externas. A subscrición dá acceso ás instalacións deportivas da Universidade de Vigo nos tres campus durante todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa e pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Ademais, tamén se pode participar de balde nas actividades dirixidas de fitness incluídas no abono e ter un seguimento técnico dos programas de adestramento. A maiores, as e os abonados mUVer que formen parte da comunidade universitaria benefícianse dun 20 % de desconto nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como son os programas Augaventura e Delecer.
Os prezos do abono Muver dependen tanto do colectivo ao que pertenza a persoa usuaria como da duración da inscrición. Así, o modalidade anual varía entre os 60 euros para a comunidade universitaria e familia UVigo, 90€ para outras persoas e colectivos vencellados á UVigo, 180€ para persoas externas. A matrícula cuadrimestral varía entre 35€, 50€ ou 100€ mentres que se se opta por inscribirse tan só no verán os prezos móvense entre os 15€, 22.50€ e 30€.