Tanto antes como durante a pandemia as competencias que máis demandan as empresas á hora de aumentar os seus cadros de persoal son a responsabilidade e as habilidades sociais da persoa candidata, xunto coa capacidade de traballo autónomo e en equipo, a resolución de problemas e a eficacia no traballo. Así se confirma no informe ‘Trazado da empregabilidade da Universidade de Vigo en tres períodos. Barómetro desde a visión dos empregadores’, editado polo Consello Social e elaborado polas profesoras do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Gloria Caballero e María Jesús López Miguens, no que se analiza a empregabilidade dos estudantes universitarios desde a perspectiva dos empregadores.
Tras un primeiro barómetro no que se analizaban os datos correspondentes a antes da pandemia (período un) e ao comezo da pandemia (período dous), este último informe engade un novo período relativo ao transcurso da pandemia (período tres). “O estudo deixa claro que todas as competencias xenéricas son máis valoradas polos empregadores na pandemia, xa sexa ao comezo ou no seu transcurso, que antes da mesma”, explican as autoras, ao que engaden que polo que respecta ás competencias específicas derivadas da Covid-19 (empatía coa empresa, xestión do estrés, auto formación nas tecnoloxías, diálogo coas partes interesadas da empresa, xestión das emocións, teletraballo, rotación asistencial…) a maioría reciben unha puntuación maior ao comezo da pandemia que durante a mesma, “dada a situación de incerteza daquel momento”. Para outras específicas comoa motivación persoal baixo a situación actual e o compromiso cos resultados, a valoración non varía dun a outro período.
Coa colaboración de máis de 300 empresas
O Consello Social puxo en marcha este informe co obxectivo de analizar a opinión dos empregadores en relación a un conxunto de factores que determinan a empregabilidade dun estudante universitario. En particular, analízanse as expectativas de emprego que as empresas teñen en relación ao mercado laboral, as accións que desenvolven para a contratación de persoal necesario para as súas empresas, e as competencias que demandan aos traballadores e traballadoras que incorporarán ao cadro de persoal das súas empresas.
Para a recollida de datos deste informe contouse coa colaboración de 375 empresas no primeiro período, 198 no segundo e 205 no terceiro coas que a Universidade colabora habitualmente, ben sexa a través dun convenio para a realización de prácticas do estudantado, da oferta de emprego a través da Área de Emprego e Emprendemento ou da colaboración cos diferentes grupos de investigación.
A universidade gaña puntos no recrutamento
Con respecto á previsión das necesidades de persoal que as empresas consideran que terán nos próximos dous anos, no período un máis da metade das firmas participantes prevén un aumento no número de traballadores (56,6%); 24% no dous e 57,5% no tres, mentres que só contan con diminuír o seu cadro de persoal o 5,5% dos empregadores no período un; o 11,7% do período dous e o 5,4% do período tres. O resto das empresas participantes amosan unha previsión de estabilidade laboral no persoal da súa empresa (37,9% antes da pandemia; 64,3% no inicio e 37,1% durante).
En relación aos medios de recrutamento que máis acostuman empregar, o barómetro indica que os máis frecuentes son o uso do propio departamento da empresa e a propia universidade. O uso do departamento da empresa para recrutar persoal durante os tres períodos do estudo estabilízase, sendo menos empregado no período dous. O 50,9% dos empregadores confirman o seu uso no período un, decrecendo esta cifra ao 39,4% no período dous ao comezo da pandemia, e incrementándose de novo ao 48,3% no transcurso da mesma. En segundo lugar, o informe amosa que a Universidade adquiriu importancia como ferramenta de recrutamento, “xa que pasou de ser utilizada antes do inicio da pandemia polo 46,4% das empresas ata chegar ao 70,2% no período dous, descendendo o seu uso no período tres ao 55,2%, aínda que por encima do período inicial”, recalcan as autoras.
Entrevista e currículo, principais métodos de selección
Polo que se refire aos métodos de selección, os mais empregados son, por orde, a entrevista persoal, o currículo e a experiencia do candidato. A entrevista persoal pasou de ser utilizada no período anterior á pandemia polo 80,8% dos empregadores, incrementándose no período de inicio da mesma ata o 86,6%. En segundo lugar, o currículo é utilizado na súa maioría polos empregadores no período anterior á pandemia e no transcurso da mesma polo 86,9% e 90,2%, respectivamente. En terceiro lugar, a consideración da experiencia do candidato por parte dos empregadores nos períodos un e tres é similar é utilizado polo 70,2% e 71,0%, respectivamente, incrementándose o seu uso no inicio da covid-19 ao ser utilizado polo 78,4% daqueles. As recomendacións de terceiras persoas aparecen, entre as ferramentas analizadas, como as menos empregadas.