Rosalía de Castro volverá á vida en Vigo o vindeiro 24 de febreiro. A autora galega percorrerá as rúas do Casco Vello da cidade co gallo da celebración do seu día, o Día de Rosalía. Ademais, non o fará soa. O pintor e tamén escritor Modesto Brocos acompañará á poetisa e novelista de Padrón no seu periplo, no que irá falando e intercambio impresións cos viandantes que atope ao seu paso.
Esta é unha das actividades que ten programadas a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, que este luns deu a coñecer varias das iniciativas que desenvolverá de aquí ao mes de abril. O paseo rematará cunha representación no novo edificio da rúa Chao ás 19.00 horas.
Recoñecida feminista, Rosalía servirá de antesala á celebración do 8-M, data na que a institución provincial fará un despregue especial para reivindicar a igualdade de xénero e denunciar as políticas implantadas pola ultradereita. Contra as medidas que está a impoñer Vox en Andalucía ou Madrid cargou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que foi a encargada de anunciar os diferentes actos previstos.
Silva cualificou de “horror” o feito de que xa foran asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas dez mulleres no que vai de 2020. “Imos facer múltiples actividades para berrar alto e claro contra a desigualdade e contra as violencias machistas. Este ano van xa 10 mulleres asasinadas e estamos enfadadas e fartas. É intolerable e por iso imos impulsar moitas iniciativas ligadas a este 8M”, asegurou a presidenta, que tamén cargou contra o PP. “Enfádame igual ou máis que o PP asuma as cuestións que vai propoñendo Vox, como o veto parental ou que falen de violencia doméstica en vez de violencia de xénero”, apuntou.
Así, este mesmo martes, 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia, vaise celebrar un encontro con mulleres do mundo da enxeñería, do Colexio Oficial de Enxeñería de Vigo, para visibilizar ás mulleres da ciencia e afondar nas matriculacións de mulleres en carreiras STEM, “unha das grandes preocupacións da Deputación. Estanse a matricular menos mozas en STEM que fai 10 anos, o que significa que se as mozas non se matriculan en carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas os homes, que superan o 75% da matrícula nestas áreas, van seguir a dirixir o mundo”. Ao respecto, Silva adiantou que, xunto ao colexio, vaise poñer en marcha un proxecto para potenciar que as mulleres se incorporen a estas disciplinas académicas.
☕️ @carmelasilva informa sobre novas actividades da sede de #Vigo:
➡️ 11/02: Encontro con enxeñeiras no Día da Muller e da Nena na #Ciencia
➡️ 21/02: Pasarela do Traxe Galego no que se porán en valor os oficios tradicionais. "Temos a obriga de loitar contra a pobreza cultural" pic.twitter.com/osXRZa7tnA— Deputación Pontevedra (@depo_es) February 10, 2020
Ademais, o 3 de marzo inaugurarase ás 20.00 horas a exposición ‘Sempre marzo’, coordinada pola poeta Yolanda Castaño, que recolle unha selección de arte plástica e poesía a cargo de 33 creadoras e creadores galegas/os sobre igualdade e feminismo. O seu lema será: “Para que nunca máis deba ser 8 de marzo, debe ser 8 de marzo todos os días”.
Un día despois, o 4 de marzo, terá lugar a actividade ‘Letras en feminino’, na que participarán autoras de narrativa e poesía coa finalidade de “visibilizar a revolución da literatura en Galicia, onde as mulleres están a ocupar grandes espazos”.
☕️ @carmelasilva informa sobre as actividades por mor do #8M
➡️ 03/03: Inauguración da #exposición 'Sempre Marzo'
➡️ 04/03: 'Letras en feminino' con escritoras de narrativa e poesía. "Queremos visibilizar a revolución que vive a nosa literatura". pic.twitter.com/0dTWwONwk6— Deputación Pontevedra (@depo_es) February 10, 2020
Tamén enmarcada na semana do 8M,terá lugar unha sesión de cinema en feminino con proxección de ‘Ouaga Girls’, ‘Visións’ (do proxecto tamén liderado pola institución provincial ‘Cinema e muller’) e ‘Sonita’ os días 5, 6 e 9 de marzo, respectivamente, ás 20.00 horas na Sala de Proxeccións Dorotea Bárcenas da nova sede de Vigo.
Exposicións
Días despois, o 11 de marzo, arrancará a primeira “gran exposición” na sala Maruja Mallo. ‘Muller por muller’, comisariada por Rosa Sarmiento, fará un percorrido por artistas que teñen reflectido o universo feminino e seguen silenciadas. Todo a partir de fondos das coleccións públicas de arte da provincia de Pontevedra.
A continuación, en abril, abrirase unha mostra en colaboración coas asociacións feministas centrada nos carteis que se exhiben nas manifestacións do 8M. “Moitos son marabillosos, verdadeiras obras de arte e con mensaxes moi potentes que queremos recompilar para que perduren no tempo”, asegurou Carmela Silva.
O 14 de abril, na sala Rosalía de Castro, terá lugar unha nova exposición centrada, neste caso, en María Xosé Queizán, “unha grande muller da cultura e das letras e tamén unha das grandes feministas que deron a cara por todas as mulleres”, asegurou Carmela Silva.
Ademais, entre marzo e abril tamén terá lugar na sede de Vigo a mostra ‘O vento nas velas’ de Xurxo Lobato; celebrarase o Día do Teatro (27 de marzo), o das Artes (1 de abril), o día do Libro (23 de abril) e o da Música (21 de xuño), así como outras iniciativas impulsadas polo tecido asociativo da cidade.
Formación e emprendemento
A formación e o emprendemento serán outros eixos da programación da nova sede de Vigo da Deputación. Así, os días 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de febreiro terá lugar o proceso de selección ligado ao programa europeo Labora 2020. “Trátase dun programa que ten por obxectivo impulsar 11 itinerarios personalizados para a mellora da formación e empregabilidade e encamiñados a acadar un certificado de profesionalidade”, asegurou a presidenta provincial. En total en Vigo foron 250 as persoas que presentaron a súa solicitude para participar en cursos centrados en hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo que comezarán a partir de marzo.
☕️ @carmelasilva: "#Labora2020, o noso programa de inserción laboral e acreditación nas actividades con maior demanda. En #Vigo teremos cursos de hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo… Comezan en marzo e en febreiro seleccionamos as persoas interesadas". pic.twitter.com/VptQxQnMGG— Deputación Pontevedra (@depo_es) February 10, 2020
Tamén neste mesmo aspecto a presidenta informou que está xa en pleno funcionamento o programa SmartPeme, que está a prestar asesoramento individualizado a persoas autónomas e emprendedoras, así como a impartir cursos de formación relacionados coas novas tecnoloxías. Ao respecto, Silva explicou que mañá mesmo, de 18 a 21 horas, terá lugar o curso de ‘Woocommerce: a solución que buscabas para vender por internet”; o xoves 13 de febreiro, de 19 a 21, “Cámara réflex: aprende a utilizar o modo manual en fotografía”; o 18 de febreiro, de 19 a 21 horas, “Inbound Marketing”; o xoves 20 de febreiro, de 19 a 21, “Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM” e o 27 de febreiro, de 17 a 19, “TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”.
☕️ @carmelasilva: "#Labora2020, o noso programa de inserción laboral e acreditación nas actividades con maior demanda. En #Vigo teremos cursos de hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo… Comezan en marzo e en febreiro seleccionamos as persoas interesadas". pic.twitter.com/VptQxQnMGG— Deputación Pontevedra (@depo_es) February 10, 2020
Xunto á igualdade, a formación e o emprendemento, a cultura será outra das grandes protagonistas na nova sede de Vigo da Deputación. Deste xeito, o 21 de febreiro ás 20.30 horas terá lugar unha pasarela do traxe galego para poñelo en valor, amosar as súas diferentes tipoloxías e tecidos a través de pezas orixinais e reproducións fidedignas froito da investigación da asociación Sete Espadelas. No marco desta pasarela, ademais, haberá unha mostra dos traballos de Elena Ferro e Paula Ojea, Premios Nacionais de Artesanía.