A Corporación Municipal de Vigo entrou este mércores no debate aberto en España sobre un eventual abono directo das autovías do Estado por parte dos condutores. A posición viguesa, aprobada na sesión plenaria, é contundente: «rotunda oposición».
Presentada polo edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, a moción contou co voto favorable de todos os grupos municipais. Así quedou plasmado nun texto que constata a negativa do Concello “a establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias». Tamén apunta que «incrementa a inseguridade viaria e que supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galicia».
Logo de debate plenario, os edís municipais acordaron esta postura unánime do Concello, polo «impacto negativo» que tería para os usuarios destas vías de alta capacidade e para a «competitividade» das empresas. Pero Vigo foi máis aló este mércores e abordou na sesión plenaria o «agravio e a discriminación» que implican as peaxes nas AG-55 e AG-57, ambas de titularidade autonómica.
Neste caso, a proposta elevada ao Pleno foi a de «instar á Xunta de Galicia á redución e paulatina eliminación das peaxes» nestas dúas autoestradas «polo agravio que supón para as persoas residentes e empresas das respectivas comarcas polas que transcorren», que no caso da AG-57 afecta a Vigo e a súa área, ao enlazar a VG-20 co Val Miñor. Cunha votación separada neste punto, a cuestión non obtivo desta volta o respaldo unánime do Pleno pero si o maioritario, co que foi aprobado pese á única abstención do grupo municipal do PP.