O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou este domingo, por videoconferencia, na xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que se abordaron novas medidas para facer fronte ao coronavirus. Ao remate da reunión, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego anunciou, en rolda de prensa, que o Servizo Galego de Saúde reforzará o equipamento destinado nos hospitais galegos das grandes cidades e nos comarcais para atender posibles casos de coronavirus.
O Consello da Xunta aprobará, na súa reunión da próxima semana, a compra do novo equipamento, en base ao informe elaborado pola comisión de expertos creada pola Consellería de Sanidade e formada por especialistas clínicos en infectoloxía, microbioloxía, urxencias, UCI, atención primaria, enfermería e preventivistas.
Este reforzo de equipamento complementará, con carácter inmediato, as medidas xa tomadas ata actualidade polo Goberno galego para facer fronte á alerta polo coronavirus. Neste sentido, o titular da carteira de Sanidade referíuse aos reforzos de persoal nos servizos de microbioloxía, medicina preventiva, 061, e a creación de equipos para toma de mostras no domicilio.
Ademais, o Goberno galego puxo en marcha unha Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes. Dita comisión permitirá facilitar a coordinación e impulso das actuacións que se consideren precisas, máis aló do ámbito estritamente sanitario, de maneira que se minimice o impacto social e mesmo económico que poida causar a expansión destas novas enfermidades emerxentes.
Así mesmo, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña conta tamén cunha comisión asesora de expertos sobre o Covid-19, da que forman parte especialistas clínicos (infectoloxía, microbioloxía, urxencias, UCI, atención primaria, enfermería e preventivistas), para asesorar á Consellería de Sanidade nos diferentes pasos a dar fronte a esta epidemia.
Engadido ao anterior, a Consellería de Sanidade vén de poñer a disposición da cidadanía o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o Coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas que as galegas e os galegos teñan ao respecto. En calquera caso, para cidadáns con sintomatoloxía (febre, tos, sensación de falta de aire) e que volvesen ou tivesen contacto con persoas en zonas de risco, tamén está dispoñible o teléfono 061 para consultas. Ao respecto, o 061 xa contratou máis persoal para atender este teléfono, ante o previsible aumento das chamadas.
Protocolos
Desde o comezo da alerta consensuouse un protocolo de actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias, incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento que se vai xerando.
Ademais, tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estructura asistencial, que están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e control en Galicia, cómo actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e manexo das mostras obtidas dos pacientes e cómo elaborar as enquisas de cada caso para facer un seguimento.
Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial teñen definidos protocolos de actuación claros, e teñen capacidade demostrada para o seu manexo.
Estes protocolos iranse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.
Recomendacións
A Consellería de Sanidade volve reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembra que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.