Responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) iniciaron o sorteo sobre as 10.00 horas da mañá ante a presenza dalgunhas das persoas que estaban inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia. Así, foron adxudicadas 6 novas vivendas de protección autonómica ademais de coñecerse o listado de reserva dos posibles beneficiarios.
Dos 6 inmobles sorteados, dous están situados en Ferrería 10-12 e ambos dispoñen dunha superficie de 56,79 metros cadrados ademais dun rocho, sendo o prezo de venda entre os 90.000 e os 95.000 euros. As seis restantes correspóndense cos números 45-47 da mesma rúa, con superficies desde 55 a 109 metros cadrados e prezo de venda entre 83.000 e 175.000 euros.
A partires de hoxe, os 6 beneficiarios recibirán por parte do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- a comunicación formal coma adxudicatarios.
Desde a súa constitución, o CCVV investiu máis de 44 millóns de euros na recuperación do barrio histórico que deu coma resultado a rehabilitación de máis de 100 vivendas e 30 locais comerciais ademais de facilitar a instalación de diferentes institucións coma o Rexistro da Propiedade, o servizo de Notificacións ou a sede da Universidade de Vigo.
Balance VPA
O delegado territorial da Xunta en Vigo aproveitou o sorteo celebrado este luns para salientar o compromiso do Goberno galego coa promoción de VPA, que no caso de Vigo se traduce en preto de 1.700 novas vivendas de protección proxectadas.
A maioría delas se concentran no polígono residencial de Navia, coa maior promoción de Galicia neste eido e así o acentuou López-Chaves. “O ano pasado destináronse 10 millóns de euros a adquisición de solo en Navia, unha cantidade que excede a inversión anual do Concello na cidade, e xa iniciamos o proceso de contratación das obras de urbanización”, indicou. “É a Xunta a que constrúe e adxudica”, precisou xusto antes de facer fincapé en que o balance da administración local é de “cero vivendas de protección”.
Neste senso, o representante do Goberno galego na área territorial de Vigo recordou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal reservaba máis do 40% para vivenda protexida e aínda así “non foi quen –en referencia ao alcalde- de pór un só metro cadrado para este fin nos últimos 10 anos de goberno”. Ademais das promocións correspondentes o Consorcio Casco Vello, con estes 6 novos inmobles e as 1.600 vivendas de San Paio de Navia, o delegado recordou as 80 proxectadas nas rúas Chantada, en Castrelos, e Ignacio Grobas, en Barreiro.