No transcurso do encontro, no que repasaron as cuestións relativas ao protocolo asinado coa universidade en decembro de 2015 para poñer en marcha diferentes iniciativas, púxose tamén de manifesto o acordo e a vontade de ambas institucións para ir avanzando de cara a que a Escola de Enfermería pase a estar xestionada directamente pola universidade.
A presidenta provincial asegurou que “temos unha relación de compromiso moi afectivo coa Escola pero o certo é que non temos competencias docentes. Por iso hai que traballar, estudar e analizar todas as cuestións para ver como se estrutura esta transferencia, establecida no acordo de goberno, para que axiña se converta nunha realidade”.
Carmela Silva asegurou que a reunión tamén serviu para recordar cuestións establecidas no protocolo de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo. Neste contexto, Silva asegurou que a través deste protocolo marcáronse “as áreas de cooperación para poñer en marcha estudos científicos que nos permitan poder tomar decisións axeitadas sobre cuestións que nos ocupan e nos preocupan”. En concreto, Silva recordoulle ao novo reitor que se está a traballar coa universidade en materias relacionadas coa igualdade e loita contra as violencias machistas, en cuestións que teñen que ver coa compostaxe, e tamén no financiamento da mobilidade do alumnado no marco do programa Erasmus, “sobre todo tendo en conta que o goberno de Rajoy dificultou que moita xente puidese de forma universal participar nesta iniciativa tan importante para a mocidade”.
Amais, a presidenta e o reitor acordaron convocar “de xeito inmediato a comisión de seguimento para analizar as cuestións que están enriba da mesa, así como para deseñar as accións a poñer en marcha ata o remate da vixencia do protocolo, no ano 2019”, asegurou Silva.
A presidenta da Deputación tamén tivo palabras de felicitación ao novo equipo reitoral “polo seu optimismo e por contemplar a alegría como forma de xestionar a institución universitaria; por situar ao pensamento como centro da acción da universidade e por basearse na atención ás persoas como un modelo de xestión. Tamén por ver que este equipo conta cun número moi importante de mulleres o que está a permitir traballar cara a igualdade”.
Pola súa banda, o novo reitor, Manuel Reigosa manifestou a súa satisfacción trala reunión. “Teño que vos confesar que viña a realizar a primeira visita de cortesía e xa estivemos a traballar, xa adiantamos cuestións concretas que se van abordar dentro da nada na comisión de seguimento”, asegurou Reigosa. O reitor tamén amosou a vontade de “seguir avanzando na mesma liña, con transparencia e coñecemento mutuo para tratar de mellorar a vida das persoas” e, sobre a transferencia da Escola de Enfermería, subliñou que se trata dun “obxectivo compartido”.