A Deputación de Pontevedra volve a levar a súa campaña a favor dos xogos e xoguetes igualitarios e non sexistas aos autobuses da cidade de Vigo. Este ano a institución provincial anima a buscar e fabricar a “Talento”, unha personaxe que as nenas e os nenos deberán construír alén do seu xénero para concienciar á sociedade de que “non podemos caer en regalar xoguetes que marcan estereotipos e que non lles permiten ás nenas e menos ser libres, creativos e facer aquelo para o que están pensados os xogos e xoguetes: imaxinar, desfrutar e ser felices”. Así o explicou Carmela Silva a pé dun dos Vitrasa xa rotulado na Laxe, nun acto no que estivo acompañada polo alcalde, Abel Cabellero, a deputada de Xuventude, Ana Laura Iglesias e condutoras da empresa.
A imaxe de “Talento· xa pode verse na parte traseira e laterais das liñas H (que circula dende Navia ata o Hospital Álvaro Cunqueiro) e L17 (entre Matamá e A Guía). Ademais, ata 125 autobuses proxectarán nos seus traxectos o vídeo da campaña “onde se ven nenas e nenos xogando xuntas e xuntos e será un elemento de gran transmisión da mensaxe”, que tamén será difundida en medios de comunicación.
Para a presidenta da Deputación este tipo de iniciativas son “moi importantes porque van cambiando a conciencia do conxunto da cidadanía, sobre todo neste tempo do Nadal”. Desta campaña Carmela Silva destacou que “é un pouco roqueira porque non é soamente para o Nadal, senón que vai estar todo o ano” e trae consigo un concurso no que participarán 216 centros de educación primaria da provincia. Nel as nenas e os nenos deberán crear a “Talento”, unha persoaxe que non ten xénero e coa que se busca concienciar a cerca de que “o único que importa é o talento, non o sexo das persoas”. Para elo, “todos os centros educativos van a recibir miles de carpetas onde haberá un cartón cun rostro e recortables para que as nenas e os nenos constrúan a “Talento”.
Entre as nenas e nenos que participen no concurso haberá unha ou un gañador que terá como premio o “poder facer un conto cunha escritora e unha ilustradora recoñecidas”. Tamén haberá premios para o centro educativo e dous accésits. Ademais, a campaña contará cunha “unidade didáctica que explica a importancia de xogar sen estereotipos, como nenas e como menos, compartindo”. A presidenta destacou que “cando xogamos estamos construíndo unha forma de entender o mundo” por iso dende a Deputación “non queremos que os xogos e xoguetes sexan o primeiro instrumento de estereotipos de xénero que reciben as nenas e os nenos”. Carmela Silva puxo como exemplo que “cando a unha nena se lle regalan exclusivamente bonecas, cociniñas ou vasoiras ou cando a un neno se lle regalan bicicletas ou xogos para experimentar estáselles dicindo que lugar ocupan no mundo. Nós quereremos que saiban que teñen que ocupar o lugar que queiran, que xoguen libres, que xoguen a todo e que xoguen xuntas e xuntos”.
Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero agradeceu que a Deputación volvera a dar visibilidade a esta campaña nos Vitrasa e fixo unha mención especial á presidenta provincial “un referente en toda España nos procesos de igualdade”. Da campaña destacou que “intenta lanzar unha mensaxe da forma de entender a igualdade dende que se teñen poucos anos. É un proceso continuo de fomentar unha nova forma de entender a presencia das rapazas, das mulleres e dos homes na propia sociedade”. Para o alcalde de Vigo a da igualdade era “a revolución pendente xa que o resto foron acollidas e desenvolvidas no seu momento. A revolución da igualdade pospúxose de forma inxusta pero agora é xa imparable”.