A Asociación Veciñal de Teis vén de acusar ao departamento provincial de Costas, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, e ao Concello de Vigo de incumprir o “acordo histórico”, en palabras de Abel Caballero, anunciado polo alcalde o 30 de xaneiro de 2019 para recuperar a praia da Punta.
Naquela data o rexedor vigués anunciaba que ambos organismos apalabraran avanzar en cinco proxectos para mellorar a fachada marítima da cidade, incluíndo entre estas actuacións a do citado areal. Con todo, 16 meses despois segue sen producirse ningunha actuación en Teis.
“Unha vez máis estamos diante de anuncios e fotos, que logo non se concretan en nada. É urxente mellorar os espazos e o entorno da praia de A Punta, como vimos reivindicando desde fai anos as diferentes administracións implicadas. Non é aceptable o actual estado da praia, que ademais figura como unha praia coa distinción da bandeira azul”, critica a veciñanza do barrio.
A asociación dirixiu hai dez días sendas cartas ao alcalde de Vigo e á directora xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar para esixir a ambas administracións unha actuación co obxectivo de mellorar a praia de A Punta e o seu entorno.
Este areal é o máis importante con que conta o barrio de Teis. Ademais, está en contacto co paseo marítimo e co parque público da ETEA, polo que é un dos lugares de lecer máis importantes nos meses de verán, independente da súa falta de mantemento e de dotacións.
A Punta presenta varias deficiencias xa denunciadas pola asociación diante das diferentes administracións: a rampla de acceso esta afundida, o mal estado da torre de vixilancia, o paseo marítimo esta sen firme en moitos tramos… Este areal ten un problema espazo, pois queda moi reducido o areal cando a marea esta alta, o que provoca que a veciñanza se teña que se colocar no entorno.
Desde a asociación propoñen gañar espazo acondicionando unha superficie entre o paseo marítimo e o parque público. Na actualidade este espazo esta descoidado, cun terreo irregular e con vexetación. Ademais, cren que se podería acondicionar o peirao lindeiro coa praia, unha proposta que se trasladou ao servizo provincial de Costas de Pontevedra hai mais dun ano.
Tamén é necesario acondicionar ou desmontar a torre de vixilancia existente, ao supor un perigo pois está moi deteriorada e producirse desprendementos de pezas metálicas.