A Asociación Veciñal de Teis mostrou o seu apoio á construción dunha residencia de maiores na ETEA, tal e como proxecta a Xunta de Galicia e pediu ao alcalde de Vigo que deixe de “boicotear” a creación deste centro “cando non existe un mellor emprazamento en Teis”.
Abel Caballero cualificara de “ocorrencia” e “mala decisión” a idea, o cal foi tildado de “impresentable” pola asociación, que foi uns dos colectivos que propuxo a iniciativa. A veciñanza está a favor de que haxa máis residencias de maiores no barrio, pero quere dar prioridade a este proxecto.
A Asociación Veciñal de Teis tampouco comparte que os terreos da ETEA teñan que destinarse en case en exclusividade para uso educativo e investigador. Nestes momentos, non se está a desenvolver ningún dos tres ámbitos do plan sectorial para estes usos. A asociación apoia o Campus do Mar pero pide que a ETEA sexa un espazo no que se engadan usos sociais, asistenciais, culturais ou deportivos.
“O problema da residencia de maiores en Teis non é un problema de terreos. A cuestión é a demora na execución do proxecto, que foi anunciado o 2 de marzo de 2017 polo daquela conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que visitou o edificio onde se construiría a residencia pública de maiores na ETEA e tres anos despois aínda non comezaron as obras”, expoñen desde Teis.