A Asociación Veciñal de Teis denunciou publicamente este luns a “falta de mantemento” e o “abandono” do parque da Guía, unha das zonas verdes “máis importantes” de Vigo. Segundo critican os representantes cidadáns, a vexetación “invade todo o parque, incluso os sendeiros, o sebe está sen cortar e as varandas necesitan mantemento, pois é visible o oxido”.
A asociación presentou o pasado 9 de xuño dous escritos dirixidos ao concelleiro de Parques e Xardíns para trasladarlle estes feitos. “Aos poucos días comprobamos que se procede a actuar unicamente na avenida de Dona Fermina, a vía principal de aceso ao parque e ao miradoiro, pero deixando o resto do parque na mesma situación”, explican os veciños. “O parque da Guía é algo máis que a avenida de Dona Fermina”, engaden.
“Non entendemos como un dos parques máis importantes da cidade atopase neste estado de abandono. Alguén se imaxina que algunha persoa que visite o parque da Guía se atope o parque no estado actual? Que imaxe levara da cidade?”, cuestiona a asociación, que pide ao edil aludido e ao alcalde, Abel Caballero, a visitar a zona para comprobar o seu estado.
“Diante desta situación, ademais de solicitar unha actuación urxente no parque, solicitamos unha xuntanza co concelleiro de Parques e Xardíns para tratar sobre a situación dos grandes parques de Teis, A Guía e A Riouxa, pois é necesario unha actuación para poñelos en valor”, rematan.